Viños da DO Valdeorras (mencía, godello e rosado), gran variedade de petiscos, música e moita festa. É o que ofrecía a I Ruta das Airas de Córgomo, un percorrido polas rúas desta localidade vilamartinesa que na tarde e noite deste sábado 19 de xullo reunía a unhas 800 persoas, a maioría chegadas á última hora.

“Hai dous días case o cancelamos porque non se venderan entradas e ao final empezou a chegar xente e moi ben”, asegura Jorge Guititán, membro do CD Córgomo Vilamartín e un dos promotores desta peculiar iniciativa que contaba con dez puntos de encontro (airas) espallados por todo o pobo no que os asistentes coa pulseira e a cunca na man degustaban viños das adegas de Córgomo: Guitián e Branco (D’Berna) e Santa Marta (Viñaredo e Pedragal). Tamén había calimocho, sangría e refrescos, ademais de variados petiscos, pancetada, paella popular, postres e moita festa.

O apartado musical corría por conta dos Parrandas de Córgomo e da charanga TDB ao longo do percorrido; e xa de noite os Djs Jorge Blanco e Alejandro na praza para poñer o broche á ruta tralo peche dos stands.

Fotos: Carlos G. Hervella.