En portadaGalerías de fotosOurenseÚltima horaVídeos

O Barco acolle a presentación na provincia de “Non Camiñas Soa”, campaña de protección das peregrinas

Tiña lugar no campo da festa coa asistencia do subdelegado do Goberno, do tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense e do alcade. Contábase coa presenza de diversas unidades da Garda Civil e tamén coa GRN

 

Reforzar a seguridade das mulleres que emprenden o Camiño de Santiago en solitario. É o obxectivo da campaña “Non Camiñas Soa: Camiño de Santiago libre de violencias machistas”, tendo en conta que o 53% dos peregrinos son mulleres. Por segundo ano consecutivo, vén de escollerse o “Camiño de Inverno” para a súa presentación na provincia. Desta volta, era O Barco o lugar escollido, nun acto que se desenvolvía no campo da festa da vila coas intervencións do subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos: do tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo Esquina; pola xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación, Alida Iglesias; e do alcalde do Barco, Alfredo García. Despois do acto, visitaban o lugar os nenos do campamento urbano do Barco.

 

 

 

Tamén se contaba coa presenza doutros membros do corpo, entre eles o tenente xefe accidental da Compañía da Garda Civil na Rúa, Rubén Cabezas; así como de diversas unidades; e tamén da Garda Nacional Republicana (GNR) de Portugal, que colabora na seguridade de certas rutas. Así, no campo da festa do Barco realizaban un despregue de medios con cabalos, un helicóptero e un dron.

 

 

Esta campaña, que se desenvolve a nivel estatal, está impulsada polas Unidades de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller das Delegacións do Goberno en Aragón, Navarra, A Rioxa, Castela e León, Galicia e Estremadura. Contempla a difusión, en diferentes localizacións, de tarxetas e carteis informativos que inclúen un código QR que enlaza aos teléfonos dos recursos especializados en atender os casos de violencia contra as mulleres.

 

 

 

“A campaña “Non Camiñas Soa”, creada no 2021, implica un dispositivo específico de seguridade que se pon en marcha en todo o Camiño de Santiago, e que busca protexer ás mulleres peregrinas fundamentalmente. Trátase dun operativo especial, que xa está en marcha dende hai uns meses, ao longo de todo o Camiño, non só en Galicia senón en todas as comunidades autónomas polas que atravesa. Son uns 1.700 puntos informativos onde hai información relevante, con carteis e tarxetiñas, entre os que figuran oficinas de turismo, Concellos, Policías Locais, cuarteis da Garda Civil, albergues e tamén farmacias, nas que hai información relevante para que as mulleres teñan dispositivos de alerta”, explicaba o subdelegado do Goberno, Eladio Santos.

 

 

No caso da provincia de Ourense repartíanse 1.500 tarxetas informativas e 127 carteis (en castelán e inglés). No caso do Camiño de Inverno cóntase con puntos informativos en 9 farmacias e en 4 centros sanitarios (entre hospital e centros de saúde); mentres na Vía da Prata, a outra ruta xacobea que atravesa a provincia, son 32 farmacias e 16 centros sanitarios, segundo os datos facilitados dende a Subdelegación.

 

 

 

Entre eses datos principais figuran “os teléfonos 016 e unha aplicación móbil que queremos destacar a AlertCops, que é unha aplicación útil non só para as peregrinas ou as mulleres que están transitando polo Camiño de Santiago, senón para todo o mundo. É unha App, que che permite manter un contacto directo con calquera forza ou corpo de seguridade do Estado, e incluso, sobre todo neste caso do Camiño, permite a xeolocalización, unha vez que activas unha chamada de socorro, as Forzas e Corpos de Seguridade, tamén os sanitarios poden localizarte perfectamente porque saben onde estás”, matizaba o subdelegado.

 

 

 

Unidades da Garda Civil no dispositivo

Esta campaña enmárcase dentro do programa “Guardianes en el Camino”, no que “a Garda Civil, fundamentalmente, que é o corpo que ten competencias nun 90% aproximadamente do trazado do Camiño, presenta os seus dispositivos de seguridade e as unidades de denuncia móbil”, resaltaba Eladio Santos, quen tamén detallaba as unidades presentes neste acto de presentación.

 

 

 

“Aquí temos”, indicaba, “unidades de denuncia móbil da Garda Civil, o equipo de drons que vai vixiando permanentemente, e o está facendo tamén o día de hoxe, os diferentes trazados do Camiño de Inverno. Temos tamén un servizo de helicóptero, e Garda Civil a pé e a cabalo vixiando todos e cada un dos tramos do Camiño de Santiago, neste caso é o Camiño de Inverno, pero é extensivo a todos. Polo tanto, polo que queremos apostar é pola seguridade do turista, pola seguridade do peregrino e, especialmente, pola seguridade da muller peregrina que cada vez frecuenta máis os nosos trazados. E niso estamos”.

Santos indicaba que tamén estaba presente “a Guardia Nacional Republicana (GNR) de Portugal, aínda que este trazado do Camiño de Inverno non coincide coa fronteira, pero si que hai un Camiño Portugués e existe unha coordinación permanente entre as forzas de seguridade e a GNR para que todos os peregrinos vaian con seguridade”. Ademais agradecía a acollida do Concello do Barco para poder realizar este acto de presentación na vila.

O dispositivo específico de “Non Camiñas Soa” vai durar toda a tempada de verán, pero o operativo de vixiancia no Camiño está permanente durante todo o ano en todos os trazados.

 

 

Protección das mulleres, tamén no Camiño

Pola súa banda, o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo, comentaba na presentación de “Non Camiñas Soa” que “somos conscientes de que o Camiño é un enorme atractivo, non só para Galicia en xeral, senón para a provincia de Ourense en particular. De aí a especial importancia que este tipo de dispositivo ou de reforzamento ten, ademais coas unidades que están especialmente adaptadas a ese terreo como o cabalo ou outras unidades, que incluso poden incorporarse, como por exemplo, o dron”.

 

 

Así mesmo, refería que “a ameaza machista, esa lacra que sufrimos, está presente e pode estalo en calquera momento e en calquera lugar. Por iso a sensibilidade de que estas mulleres estean protexidas é o obxectivo último tamén desta campaña, máis alá de que o dispositivo chega a calquera necesidade que o peregrino teña”.

O tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense poñía ademais en valor o traballo que desenvolve o conxunto de unidades e axentes da Garda Civil na provincia neste senso e convicaba “a todo o mundo a que faga o Camiño que é un Camiño marabilloso”.

 

 

Ademais, o alcalde do Barco, Alfredo García, sinalaba que “realizar esta presentación é unha maneira de poñer en valor o Camiño de Inverno, que está crecendo. Cada vez hai máis peregrinos que deciden chegar a Santiago a través desta ruta e, polo tanto, saber que contamos con esta seguridade por parte da Garda Civil e do Estado sempre é tranquilizador”.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Back to top button