DeportesEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

O canón entre Pumares e Sobradelo (Carballeda), un dos pasos de rafting máis espectaculares de Galicia

Discorre entre paredes de lousa pulida pola auga e ten un nivel 3-4, tal e como indica Iván Valle de Vianova Aventura

 

No río Sil, entre a presa de Pumares e Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), está un dos tramos de rafting máis potentes e atractivos de Galicia. Está considerado único na comunidade polo seu nivel de dificultade, que se sitúa entre 3-4.  “É un tramo curto, duns 6 km e nivel técnico alto, ademais vese un cauce do río Sil pouco habitual, xa que é estreitiño. E está todo rodeado de lousa e, aínda por riba, a lousa está moi erosionada polo volume de auga que pasa habitualmente por aí”, explica Iván Valle, dende Vianova Aventura, empresa valdeorresa que dende hai pouco máis dun ano ofrece a posibilidade de vivir e desfrutar da experiencia do ratfing neste lugar de forma guiada.

O mellor momento do ano para practicar esta modalidade deportiva neste lugar e entre os meses de maio a outubro. O tramo conta cunha  zona encanonada, “que se estreita moitísimo e tamén hai que realizar unha pequena trepada, que resulta divertida para a xente, así tamén se traballan habilidades motoras. Ademais hai que facer un paso e transportar a balsa porque non entra, estréitase moitísimo o Sil e queda como un meandro que, despois, vólvese a ampliar e hai unha zona aí de auga tranquila cunhas figuras de lousa preciosas”, resalta Iván Valle.

 

 

 

O espectacular canón deste tramo é moi coñecido entre os kaiakistas de augas bravas que veñen a practicar aí esta modalidade deportiva, pero non entre os afeccionados ao rafting. “Este tramo empeceino a traballar o ano pasado para preparar a actividade porque é verdade que a xente que viña facer o Descenso do Sil repetía e pensei que podería ser un bo aliciente para presentarlles outro tramo. Así que entreneino e empeceino a traballar”, lembra Iván Valle.

Así Vianova Aventura permite realizar un descenso en rafting, unha actividade guiada para persoas de máis de 16 anos e que implica unha certa preparación previa para desfrutar mellor da experiencia e, ademais, garantir a seguridade do grupo. “Antes de meternos no canón, que é o potente do tramo, baixamos da balsa e levo aos participantes polas pedras, pola beira de río, e explícolles como temos que actuar para enfrontarnos a ese canón, o que é a estratexia de equipo, ao final o rafting é unha estratexia de equipo”, asegura Valle.

Pero cando se completa o tramo de rafting non remata a actividade. Aínda hai máis. “O máis habitual é que a empresa lle pague a entrada aos participantes ás piscinas naturais de Sobradelo, que é un atractivo máis como fin de rafting para que se tomen algo e desfruten desas fermosas piscinas naturais”, di Iván Valle.

Fotos e vídeo: Vianova Aventura.

Máis información: www.vianovaaventura.com

Back to top button