ConcellosEn portadaO BarcoÚltima horaVídeos

Os Concertos do Xacobeo impulsan a oferta turística de Valdeorras cunha nova edición do Terrasón, no Barco

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou este ciclo que se estenderá do 1 de agosto ao 14 de setembro

 

Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia regresan ao verán do Barco de Valdeorras dándolle cobertura a unha nova edición do ciclo de concertos “Terrasón”. Do 1 de agosto ao 14 de setembro, a música encherá espazos característicos da vila ourensá como a Praza Maior, o Paseo do Malecón, a Praza de Viloira ou San Roque, entre outras localizacións.

“O Terrasón, que agora chega á súa sexta edición, foi unha iniciativa que xorde en plena pandemia para encher ese baleiro que había con relación á cultura, porque paralizamos practicamente a actividade cultural e a xente só podía estar nas terrazas. Entón ocorréusenos podíamos facer concertos de pequeno formato con 25 espectadores e, así, levar a cultura e a música a eses espazos e que a xente que estivese tomándose algo puidese desfrutar tamén deses pequenos concertos. E, despois de seis anos, seguimos co que foi case unha casualidade ou unha oportunidade porque nós aproveitamos iso para lanzar este ciclo”, explicaba a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, na presentación do programa deste ano do Terrasón, acompañada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e polo alcalde barquense, Alfredo García.

Ademais adiantaba como vai ser a programación deste 2025, no que o ciclo contará cos directos, en diferentes partes da vila, nas noites de verán de artistas e bandas como Carla Lourdes, Ángela González, The Black Wings, Seika, Notazul, El Patio de Leni, Claudio & The Roosters, Los Brazos, Sr. Jingles e Caamaño&Ameixeiras.

 

 

 

Neste senso, a edil de Cultura referíase aos diferentes estilos do ciclo (con concertos tanto de grupos locais da man de AMAVA, como de fóra), espallado por diferentes lugares. “Estes últimos anos fúmonos relaxando un pouquiño máis con iso e, de feito, este ano a práctica maioría de todos os concertos van no entorno do que é o Camiño de Santiago, que sempre ten que ir da man da Axencia Galicia de Turismo, que este ano témoslle que agradecer que son os patrocinadores únicos de todo este ciclo e de todos estes concertos, dar as grazas en nome do Concello”.

A continuación interviña o alcalde do Barco, Alfredo García, quen agradecía a Xosé Manuel Merelles “a colaboración que ten sempre co Concello e coa comarca”, para darlle paso ao director de Turismo de Galicia.

Durante a súa intervención, Xosé Manuel Merelles, agradecía “a oportunidade que nos dá a Axencia de Turismo de Galicia o Concello do Barco de poder participar nunha iniciativa tan orixinal como o Terrasón. A verdade é que eu coñezo moitos festivais porque a Axencia de Turismo de Galicia este ano vai patrocinar 150 eventos en toda Galicia, pero poucos que sexan como o Terrasón e cun obxectivo tan claro, que é, ao longo da tempada de verán, xerar oferta complementaria nos meses de agosto e setembro, ata festas do Cristo”.

 

 

 

Merelles considera que o programa “vai ser unha oportunidade para que a xente que se achega ao Barco e os propios barquenses poidan gozar dun programa de concertos moi ben aquilatado, que nace na pandemia. Nos apoiámolo no Xacobeo 21/22 e parécenos unha das actividades máis orixinais das que están dentro dos Concertos do Xacobeo. E aí están dende O Son do Camiño ata o Morriña Fest, que se vai celebrar na Coruña, ou Carlos Núñez, que estivo no Bolo. Pero o Terrasón cumpre esa premisa para a que foi creado este programa, que é dinamizar a actividade turística en Galicia e permitir que a oferta complementaria se estenda durante tempadas, neste caso o verán, tamén pode ser a tempada baixa ou media, e que iso permita que haxa actividade e todos os que visitan o concello poidan ter un elemento de ocio para permanecer máis tempo ao carón dos barquenses e na vila”.

 

 

O director de Turismo de Galicia referíase tamén a esa aposta no Terrasón polo Camiño de Inverno ao escoller as localizacións. “O Camiño de Inverno é o que máis medra, xunto co Camiño Portugués da Costa, é que temos que aproveitar este pulo que ten o Camiño porque, a través del, cada vez veñen máis persoas, que son de fóra de Galicia, e tamén de fóra de España, xa que cada vez o Camiño está máis internacionalizado e hai que aproveitalo en Valdeorras, na provincia de Ourense e en Galicia para que estes peregrinos poidan regresar como visitantes”.

 

 

E, nesa cuestión, engadía Merelles, “Valdeorras ten unha responsabilidade importante porque é a porta de entrada a Galicia e ten que recibir e ser un lugar hospitalario, que xa o é. Polo tanto, todas as iniciativas relacionadas coa promoción do turismo ou cos recursos que se están poñendo en valor turisticamente, como son, nomeadamente, o enoturismo, o Camiño de Santiago, a natureza e a gastronomía. Pois todo o que supoña empaquetar e ofrecer unha actividade complementaria que satisfaga aos visitantes, penso que é moi positivo e nisto é no que se asenta este apoio ao Terrasón e a outros festivais como son o SilFest ou como vai ser na Rúa O Son da Estación”.

 

 

 

Proposta rica e variada

Os xéneros musicais que este ano presenta o Terrasón son ricos e variados: do pop pegadizo ao máis reflexivo e sentimental; do pop-rock dos anos 80 e 90 a blues, o country e o rockabilly; do metal ao hard rock; do jazz á música tradicional galega con tintes contemporáneos. Trátase dun dos eventos máis singulares da súa contorna, cunha oferta que se estende no tempo e que permite ao público gozar da música e da cociña locais dotando á localidade dunha atractiva oferta de ocio e turística.

A cita enmárcase nos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que da cobertura a máis de 150 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia. Na provincia de Ourense, Concertos do Xacobeo suma preto dunha vintena de eventos, como o Our Fest, o Orballo Cultural, o Festival Ou Yeah!, SilFest, O Son da Estación ou este ciclo Terrasón. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button