
Na mañá deste venres 25 de xullo os servizos de emerxencia localizaban a unha muller de avanzada idade que faltaba desde a noite de onte en Entrimo. Tal como explican dende o 112 Galicia “foron os efectivos de Protección Civil de Entrimo os que contactaron con nós pouco antes das 10 horas e explicaron que foi localizada esta mañá nunha zona de difícil acceso da parroquia da Pereira, asegurando que a muller precisaba asistencia sanitaria”.
“O rescate foi realizado polo GES de Lobios, que empregou unha padiola para trasladar á muller ata a ambulancia. Posteriormente, foi evacuada ao Punto de Atención Continuada”, explican dende o 112, indicando que xunto cos voluntarios de Protección Civil de Entrimo, no operativo participaron tamén Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e axentes da Garda Civil.