Tralo éxito do ano pasado, coa promesa de volver, a orquestra La Misión cumpría e rozando xa a madrugada, na noite do sábado 2 de agosto despregaba novamente todo o seu potencial no abarrotado Aguillón rues conquistando unha vez máis ao público co seu espectáculo de son, luz e acrobacias, a súa simpatía e calidade artística.
Chegados dende Madrid, prometían o escenario máis grande de España e un dos mellores espectáculos e non defraudaron. Unha vintena de artistas entre acróbatas, cantantes e músicos, 120.000w, 400m de pantallas led, 500 robots, láser e pirotecnia, 44 metros de escenario, 11 de fondo, 14 de alto e pasarela de 8 m. que fixeron as delicias do público.

Xente de todas as idades, con moita mocidade, que se rendeu unha vez máis ante a espectacularidade da orquestra, bailand, cantando e brincando durante as tres horas que durou a actuación. Voces impresionantes interpretando temas de todos os estilos, potentes coreografías e posta en escena con fogos artificiais e nesta ocasión ata unha “Kiss Cam” que enfocou a varias parellas que se bicaron en directo. O relevo, pasadas as tres da madrugada collíao novamente a Disco Móbil Soul Teller +2.
As festas de verán na Rúa continúan hoxe co pasarrúas da charanga Fuego pola mañá, e as orquestras Cinema e América de Vigo tocando de xeito alternativo dende as 21:45 ata o final ben entrada a madrugada, poñendo o broche final.






Fotos: Mónica G. Bellver/ Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.