EntrevistasÚltima hora

María José Gómez: “A situación segue sendo de alto risco na provincia, hai que extremar as precaucións”

A conselleira do Medio Rural explica nesta entrevista a situación na que está nestes momentos a provincia de Ourense, con moitos incendios, oito deles complexos e activos

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, no CECOP en Ourense.

 

O lume asedia dende hai días á provincia de Ourense, cuns incendios que se vían agravados, de xeito especial, na tarde e noite do pasado martes 12 de agosto, con confinamentos, como o da Estación de Montaña de Manzaneda, e desaloxos en diversas aldeas de concellos como A Pobra de Trives ou Chandrexa de Queixa. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, valoraba esta mañá ao Periódico O SIL, e insistía en pedir moita precaución e na importancia de chamar o antes posible ao 085 no caso de ver un lume.

¿Como está agora mesmo a situación dos incendios na provincia de Ourense?

É a provincia onde se concentra a maior complexidade de Galicia e xa dende onte, con ata 8 incendios complicados, se ben había máis lumes, e son uns incendios que seguen activos e que fixeron confinar varias poboacións onte pola tarde, tamén pola noite en Monterrei, que a primeira hora da mañá xa estaban desconfinadas, pero tamén houbo que evacuar aldeas en Pobra de Trives, en Maceda e tamén en Chandrexa de Queixa. A situación tamén resulta complexa no concello de Oímbra. Ao longo desta mañá algúns dos veciños que se evacuaron foron volvendo.

¿Cales son as previsións que manexan de cara a evolución destes lumes?

Estes días a meteoroloxía foi adversa, e aínda que nas partes máis chairas no había eses ventos fortes, nas zonas de montaña as circunstancias son moi diferentes, algo que fixo que eses incendios avanzaran con moita rapidez, e non se prevé, en principio, unha melloría, é dicir, choiva abundante, que sería o desexable. A situación segue sendo de risco extremo, hai que extremar as precaucións. Dende a mañá xa están os medios aéreos dispoñibles traballando para intentar sofocar eses incendios, sobre todo ás poboacións, a situación é moi complicada aínda polo que pedimos extremar esas precaucións.

¿Segue habendo novos focos de incendios nestas últimas horas?

Si, temos diariamente unha media de 40-50 avisos por lume en toda Galicia, aos que hai que intentar chegar o máis rápido posible e, na inmensa maioría dos casos, en máis do 70%,, se sofocan sen que trascenda, sen que vaian a máis. Pero con esta altísima actividade incendiaria é moi, moi complexo dar chegado a todos. Como digo, a meteoroloxía non axuda, hai moitísima vexetación, e estamos vendo esta mesma situación en lugares do resto de España onde non é habitual.

Dada esta situación, ¿que mensaxe lle trasladaría á poboación da provincia?

Pido precaución porque o primeiro son as persoas e non poñerse en risco dentro do posible, é difícil pedir calma cando os incendios están preto, porque todo o mundo intenta defender. Temos que dicir que todos os medios dispoñibles están despregados e tamén as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) e estamos traballando arreo dende todos os efectivos, aos que, por suposto, temos que agradecerlle a súa dispoñibilidade, a todo o dispositivo. Hai que insistir en transmitir precaución e en que, en canto se vexa un indicio de lume, chamar ao 085 para poder chegar a el o máis axiña posible.

Back to top button