Esta mañá tiña lugar a clausura do Obradoiro de Emprego “Valdeorras embelece IV”, no que se formaba a 20 alumnos/as traballadores/as, distribuídos nas especialidades formativas de auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería (12 alumnos); e traballos de carpintería e moble (8 alumnos), residentes nos tres municipios que participan neste proxecto.
Neste obradoiro realizáronse diferentes actuacións nos tres concellos. No municipio do Barco de Valdeorras levaron a cabo o acondicionamento de zonas axardinadas, o valado de parques infantís, a substitución ou reposición de bancos de madeira en espazos públicos; e a fabricación e colocación de marquesinas en diferentes puntos, así como cobre contedores.
En Vilamartín de Valdeorras realizáronse traballos de acondicionamento de xardíns en diferentes puntos do municipio, o valado de parques infantís, a fabricación ou reposición de bancos de madeira, a construción de cobre contedores e soportais de madeira para bancos.
No Concello de Petín procedeuse ao acondicionamento das zonas axardinadas na contorna do Centro Social de Mones e as piscinas de Petín, a construción de xardineiras, bancos e contedores de madeira, e traballos de poda en varios núcleos.
O obradoiro tivo unha duración de nove meses e foi aprobado pola consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que aportou unha subvención de 411.928 euros para o seu desenvolvemento, ademais doutros 12.000 para incentivos á contratación. Liderado polo Concello do Barco, nel traballaron unha directora, dous profesores de xardinería, un de carpintería, unha de formación dual e unha administrativa.
O acto final do obradoiro tiña lugar no edificio Multiusos do Barco coa presenza dos alcaldes do Barco, Aurentino Alonso; de Vilamartín, Enrique Fernández Barreiro, e da rexedora Petín, Raquel Bautista, e era clausurado pola directora territorial de Emprego en Ourense, Marta Vázquez Guzmán.
Durante as súas intervencións, os alcaldes agradeceron o traballo realizado polos profesores para formar aos alumnos nas diferentes especialidades impartidas. “Espero”, dixo a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista Carballo, “que esta formación vos sirva para reorientar a vosa vida laboral”, mentres que o rexedor de Vilamartín destacaba os proxectos desenvoltos durante os nove meses de duración do obradoiro. “So hai que ver o antes e o despois nos lugares onde traballaron”, dixo Enrique Alvarez Barreiro.
Pola súa banda, o alcalde de O Barco, Aurentino Alonso, calificou de “impresionante” o traballo que se realizou durante o tempo de duración do obradoiro, felicitando aos profesores, alumnos e persoal administrativo. Ademais aposta por continuar con este tipo de iniciativas, que conseguen formar a persoas en situación de desemprego para poder dispor de mellores oportunidades de traballo. Nesa mesma idea abundaba a directora territorial de Emprego, Marta Vázquez, que ademais destacou que, neste obradoiro “luce moito o traballo que se fai”. Agradeceu a “proactividade” dos alcaldes implicados neste obradoiro, que considera que é un éxito precisamente pola implicación que demostran os alcaldes dos municipios implicados.
“O obxectivo destes obradoiros é que teñades unha saída laboral”, dixo aos alumnos, aos que lembrou a existencia do Polo de Emprego, con sede na Casa Grande de Viloira, ao que poden acceder para buscar saídas laborais. Á clausura asistiu tamén o concelleiro e ex alcalde do Barco, Alfredo García, que agradeceu “o compromiso demostrado por todos neste obradoiro”, que él se encargou de abrir, como alcalde, cando comezou hai nove meses.
Fotos cedidas.