SanidadeÚltima hora

Videoforum aberto ao debate para amosar a necesidade de romper o silencio ante o suicidio como vía de prevención

A curtometraxe “Cruel” dos alumnos do Grao Superior de Producción de Audiovisuais e Espectáculos no CIFP A Farixa de Ourense sobre a historia dun suicidio servirá de punto de partida para un debate multidisciplinar

 

Con motivo da conmemoración mañá do Día Mundial para a Prevención do Suicidio, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras súmase hoxe a Organización Mundial da Saúde e a Asociación Internacional para a Prevención do Suicidio, cun videoforum aberto ao debate, dando visibilidade a necesidade de romper o silencio e o estigma entorno ao suicidio, na liña da campaña global “Cambiando a Narrativa do Suicidio” que anima a fomentar conversas abertas, empáticas e informadas sobre o suicidio.

No videoforum proxectarase a curtometraxe “Cruel”, dirixido por Martín Ares e producido por Pablo Oliveira, alumnos de 2º do Grao Superior de Produción de Audiovisuais e Espectáculos no CIFP A Farixa de Ourense. O filme aborda de forma directa, con sensibilidade e respecto, a depresión e o suicidio e servirá de punto de partida para un debate multidisciplinar.

A asistencia dos xóvenes realizadores e outros alumnos de A Farixa enriquecerá o intercambio de ideas dos asistentes: profesionais de saúde mental, traballo social, estudantes de medicina e enfermaría e residentes en formación. O coloquio contará coas intervencións do propio director e do produtor do filme e da xefa do Servizo de Psiquiatría, María Tajes, que moderará o debate.

Romper o silencio para axudar

O lema global deste 10 de setembro: “Cambiar a narrativa sobre o suicidio” enfatiza na necesidade de derrubar mitos, reducir o estigma e fomentar conversas abertas, empáticas e informadas sobre o suicidio. Igualmente anima á poboación e ás institucións a pasar dunha narrativa pasiva/negativa a diálogos que faciliten dar o paso para pedir axuda.

Nesta liña, o debate de hoxe ten por obxectivo sensibilizar aos profesionais sobre o suicidio e os recursos e liñas de intervención na súa prevención, tanto a nivel clínico como social. Trátase de fomentar unha cultura de atención temperá e diálogo aberto na práctica diaria. A proxección da curtometraxe, e o diálogo posterior, permiten abordar un tema complexo a través da arte, e do intercambio de experiencias, especialmente enfocadas no traballo en equipo e que fomente o acceso precoz a axuda profesional.

Situación en Ourense e na comunidade

Segundo os datos de 2023, Galicia presenta unha das taxas de suicidios máis elevadas de España, 11,37 x 100.000 habitantes, sendo historicamente unha das comunidades con maior taxa de suicidios xunto con Asturias e Canarias. En España en conxunto, os suicidios consumados constitúen unha das principais causas de mortalidade non natural, sendo unas principais causas de morte a nivel mundial.

Ademais, desde a pandemia, os estudos sinalan un crecemento dos intentos autolíticos entre adolescentes, grupo especialmente vulnerable, onde os factores de risco inclúen depresión, trastornos do ánimo, situacións mixtas ou síntomas psicóticos. En xeral, os intentos de suicidio son entre 10 e 20 veces máis frecuentes que os suicidios consumados, especialmente en mulleres e persoas máis novas.

Dispositivos específicos para a atención dos pacientes de risco

A Organización Mundial da Saúde recomenda a implementación do programa LIVE-LIFE ou Vivir a Vida que inclúe catro intervencións baseadas na evidencia, eficaces na prevención do suicidio: Reducir o acceso aos medios letais; promover unha comunicación responsable nos medios; fomentar habilidades socioemocionais nos adolescentes e a Identificación precoz, xestión e seguimento de condutas suicidas.

Nesta liña a área sanitaria de Ourense ten un largo percorrido a nivel sanitario, coa primeira Unidade específica de Prevención do Suicidio creada a nivel nacional, en 2008. O Programa de Intervención Intensiva (PII) en Conduta Suicida conta cunha longa experiencia acumulada ao longo dos anos.

O traballo en prol da prevención reforzouse en 2020 coa creación dunha unidade de prevención Infanto-xuvenil formada por unha psiquiatra, unha enfermeira e unha psicóloga, que traballan co apoio dunha traballadora social. A súa vez integrada na unidade de saúde mental infanto-xuvenil.

Consellos clave para combater o suicidio

Ademais, a nivel social, e no día a día, falar é clave, e ante a calquera signo de preocupación algunhas accións prácticas para apoiar a persoas en risco son:

  • Ante unha persoa que este pasando unha crise de saúde mental, non deixar so/ soa; acompañala sen xulgar e favorecer a atención dos servizos sanitarios.
  • Ante unha crise ou situación de risco inminente contactar con 061, existe un protocolo especifico para este tipo de situacións.
  • Os profesionais sanitarios deben avaliar o risco de suicidio, no marco dunha entrevista clínica; formular cuestións como “¿Estás pensando en acabar coa túa vida?” non dispara ideas suicidas e pode ser esencial para iniciar o procedemento de axuda.
  • Escoitar con empatía e sen xulgar: mostrar presenza, validar os sentimentos da persoa e evitar minimizar a súa dor.
  • Axudar a manter a seguridade: evitar o consumo de drogas ou alcohol, así como o acceso a medios letais e imprescindible en situacións de risco.
  • Facilitar conexións de apoio: encamiñar cara a profesionais, redes de apoio, liñas de crise, familiares ou amigos de confianza.
  • Realizar un seguimento regular: estar presente tras unha crise ou alta sanitaria, especialmente nos primeiros días, reforza a sensación de apoio.
Back to top button