EconomíaEconomíaÚltima hora

Clausúrase o obradoiro dual ‘Portas de Galicia IV’, dos concellos de Vilariño de Conso, Viana e A Gudiña

Esta tarde tiña lugar en Vilariño de Conso a clausura do obradoiro de emprego dual Portas de Galicia IV, unha iniciativa que recibiu unha achega de 412.000 euros por parte da Xunta e que aglutina os concellos de Vilariño de Conso, Viana do Bolo e A Gudiña. O acto de clausura contaba coa asistencia do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado.

O conselleiro destacaba que as 20 persoas que participan en cada un destes obradoiros duais reciben cualificación profesional, ao tempo que desenvolven un traballo remunerado en actividades de utilidade pública ou interese social. Actividades que neste caso estiveron relacionadas coa conservación e mellora de montes, pero tamén coa albanelería de fábricas e cubertas.

Así, ao longo de nove meses, estas persoas non só se formaron senón que levaron a cabo tarefas en beneficio dos seus respectivos municipios. En concreto, en Vilariño de Conso, ademais do sementeiro realizado en zonas afectadas polos lumes, executáronse accións silvícolas na área recreativa e nos xardíns municipais, ademais da rehabilitación de muíño en Entrecinsa e da posta en valor e recuperación de forxa en Chaguazoso e do muro no núcleo de San Cristovo.

Mentres, na Gudiña, fixéronse traballos silvícolas e forestais no Camiño de Santiago, ademais de actuar nunha nave almacén. Por último, en Viana do Bolo executáronse traballos silvícolas en varios puntos do concello, ademais da reparación de beirarrúas da rúa Nicolás Tenorio e da obra civil para canalización de gas.

Na súa intervención, o titular de Emprego salientou que estes días se están a clausurar ata dez obradoiros que desenvolveron diversos traballos silvícolas e forestais na provincia de Ourense, unha circunstancia que considerou de relevancia pola incidencia de incendios nestas contornas e que —segundo destacou— terá continuidade en futuras edicións.

 

 

Obradoiros duais

O conselleiro sinalou que o Portas de Galicia IV é un dos 87 obradoiros duais beneficiados das achegas autonómicas na convocatoria do ano pasado na que se investiron máis de 36 millóns de euros. No caso da provincia de Ourense, concedéronse 27 obradoiros duais que combinan formación e traballo remunerado.

Dentro destas accións, a Xunta subvenciona a posta en marcha e desenvolvemento do taller e os custos de contratación dos participantes. Priorízase a atención a persoas con especiais dificultades de inserción, como retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e persoas con diversidade funcional e ponse o foco nos servizos sociais e comunitarios, na formación forestal (como o caso de hoxe) ou na recuperación do patrimonio artístico, histórico cultural ou natural, entre outros.

José González concluíu sinalando que este é o camiño que se debe seguir, indo da man das entidades locais para impulsar formación teórico-práctica, contribuíndo a mellorar a empregabilidade e prestando atención ás necesidades de cada contorna.

 

Back to top button