
O actor, guionista e director Daniel Guzmán recibirá a Calpurnia de Honra da 30ª edición do OUFF · Ourense Film Festival. Así o anunciou o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, durante a presentación oficial do festival no Balneario de Laias, nun encontro que reuniu a destacadas autoridades autonómicas e provinciais. Guzmán, a quen Menor destacou como «referente do cine social en España», conta cunha larga traxectoria en cine e televisión e é gañador de dous premios Goya.
Durante o acto interviñeron o director artístico do festival, Óscar Doviso; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; o director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles; e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen coincidiron en salientar a relevancia do OUFF como referente cultural e escaparate internacional do cinema. A cita en Laias marca o inicio dunha edición especialmente simbólica, que celebra tres décadas de compromiso co cine e coa promoción cultural da provincia.
No transcurso do seu discurso, Doviso presentou o libro conmemorativo da 30ª edición, unha obra da xornalista Sonia Torre Delgado que recolle, cunha mirada panorámica e emotiva, algúns dos momentos máis significativos vividos ao longo destas tres décadas. O volume non pretende ser unha enciclopedia exhaustiva, senón un exercicio de memoria que reivindica o papel do certame como espazo de encontro, formación e homenaxe ao cinema galego, nacional e internacional, porque o Festival de Ourense é moito máis ca unha semana de proxeccións: é historia viva, industria e cultura compartida.
O director do OUFF · Ourense Film Festival tamén quixo expresar o seu máis sincero agradecemento a todas as institucións, organismos, entidades e empresas que fan posible esta edición. En primeira instancia pola súa implicación e apoio á Deputación de Ourense, patrocinador principal. Recoñecemento especial á Xunta de Galicia, á Axencia Galega das Industrias Culturais, a Turismo de Galicia e a Galicia Calidade, cuxo apoio institucional reforza a proxección cultural, turística e a calidade do festival. «Grazas tamén ás empresas que percorreron co OUFF este camiño, acompañándoo e contribuíndo de maneira decisiva ao desenvolvemento deste proxecto: Hijos de Rivera, ABANCA, Gadis e a Fundación AISGE. Fundamental tamén o traballo e compromiso dos nosos media partners Televisión de Galicia e La Región». sinalaba Doviso.

Do mesmo xeito, quixo destacar a colaboración das empresas e marcas referentes da nosa terra, que achegan a súa visión e o seu respaldo para engrandecer aínda máis o festival: «A todos eles, o noso recoñecemento e gratitude por compartir a convicción de que o cinema é un motor de encontro, de creatividade e de futuro para Ourense e para Galicia».
Ademais, Doviso anunciou os membros do xurado da Sección Oficial Internacional, Sección Oficial Panorama Galicia, Sección Oficial Curtametraxes, AISGE e CIMA. «Para esta edición xuntamos a 17 profesionais dende diferentes eidos do audiovisual para conformar un xurado á altura da sección oficial, un xurado que estou seguro do seu compromiso co festival, que seguro acertará nas súas decisións e que descubriremos na gala de clausura», comentou.
Pola súa banda, o presidente da Deputación, Luis Menor, definiu o OUFF como «o festival de cine por excelencia de Galicia» e reafirmou o compromiso da institución provincial co futuro do gran evento do audiovisual, asegurando que «se é necesario, a Deputación seguirá cubrindo os desertos culturais da cidade».
Menor puxo en valor o «gran retorno económico» do OUFF, xa que «significa moito máis que unha semana de cine», que se traduce en «visitantes que deixan pegada nos comercios, na hostelería, na provincia». Ademais, felicitou ao novo equipo do OUFF polo «respecto e profesionalidade» por este evento que, dixo Menor, «beneficia a toda a provincia e fainos sentir orgullosos dunha identidade propia».
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, tamén participaba na presentación, xunto ao director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Merelles quixo destacar “o carácter único deste evento, o certame internacional de carácter competitivo máis antigo de Galicia, e a proxección que este supón para toda a provincia de Ourense e para Galicia xeral, ao poñer a comunidade no mapa dos certames audiovisuais”.
O director de Turismo de Galicia destacou o papel dos eventos cinematográficos, que en concreto contribúen a posicionar a comunidade como escenario de producións, así como doutros certames e festivais musicais e audiovisuais, como tractores de turismo. Incidiu, tamén, no aporte á desestacionalización da oferta turística dos eventos realizados en épocas de menor afluencia turística, como é o caso do OUFF.
Xosé Merelles destacou ademais o traballo desenvolvido desde Turismo de Galicia para incrementar a oferta de ocio na provincia mediante o apoio a eventos e citas de distinta índole durante este 2025 que supoñen un investimento global de máis de 1,16M€.
Un ano máis, o OUFF conta para a súa organización coa colaboración da Xunta de Galicia e nesta edición Galicia Calidade tamén estará presente a través dunha selección de produtos e empresas avaladas pola marca. En concreto, o selo galego estará presente na inauguración, o día 26 de setembro, onde o Restaurante Nova de Ourense, certificado por Galicia Calidade, será o encargado de ofrecer unha demostración culinaria.
O organismo participará tamén no peche do OUFF, o día 4 de outubro, onde o Restaurante Coto de Ourense, que conta co selo Galicia Calidade, servirá aos 500 asistentes un cocktail con produtos certificados pola marca de garantía.
O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025, coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada. Entre as moitas novidades para esta edición, destacan a residencia audiovisual para creadores mozos Faíscas, a composición dun tema musical propioa cargo de Jose Manuel Cancela, novas seccións como Xeración OUFF ou Agarimo, ou o redeseño da Calpurnia polo escultor Manuel Buciños.
“O festival non sería posible sen o compromiso dos patrocinadores, que, grazas a súa colaboración, achegan o mellor do cine internacional e galego ao público ourensano nunha cita que será máis especial ca nunca”, destacan os promotores.
O xurado da 30ª edición do OUFF
Sección Oficial Internacional
- Sol Carnicero: pioneira na produción do cine español, conta con máis de cincuenta anos de carreira e obras clave do audiovisual.
- Javier Alvariño: director de arte e deseñador de produción, gañou o Goya en 2025 e traballa en cine, televisión e plataformas desde o 2000.
- Filippo Meneghetti: director italiano de prestixio internacional pola súa ópera prima Deux, premiada máis de vinte e cinco veces e candidata francesa aos Óscar en 2021.
- Sylvie Imbert: maquilladora francesa afincada en España, con case cen producións no seu haber e tres Premios Goya, ademais de ser membro das Academias de Cine de España e Hollywood.
- Germán Alcarazu: comezou a súa carreira moi novo e destacou en cine e televisión con títulos como El doble más quince, Riders e Entre tierras.
Sección Oficial Panorama Galicia
- Norberto López Amado – Presidente do xurado: director, guionista e produtor cunha traxectoria recoñecida e títulos destacados como ¿Cuánto pesa su edificio, Sr Foster? e El tiempo entre costuras.
- Nora Sola: xornalista e empresaria cunha extensa traxectoria nos medios de comunicación galegos, vinculada ao OUFF como directora-xerente e membro de xurados en diversos festivais nacionais e internacionais.
- Xosé M. Barreira: consultor e produtor executivo con ampla experiencia en televisión, cine e formación, especializado en produción internacional co programa MEDIA da UE.
Sección Oficial Curtametraxes
- Severiano Casalderrey: docente, crítico e programador de cinema, cunha ampla traxectoria na divulgación audiovisual galega e membro das academias de cine de España e Galicia.
- María Costas: actriz viguesa cunha sólida traxectoria no teatro, na música e no audiovisual, con participación destacada en filmes e curtametraxes que reflicten a súa versatilidade e forza interpretativa.
- Nanda Tasende: actriz e produtora cunha ampla traxectoria no teatro e no audiovisual galego, con participación en series e filmes destacados, e cofundadora da compañía A&Z Producións.
AISGE – Premio á mellor interpretación dentro da Sección Panorama Galicia pola Asociación AISGE
- Isabel Blanco: actriz galega e referente do audiovisual, coñecida por Mareas vivas e Un franco, 14 pesetas, cun forte compromiso coa cultura galega e recoñecementos pola súa traxectoria.
- Adrián Ríos: actor formado en Galicia e Madrid, con traxectoria en teatro, cine e televisión, en títulos como Fariña, Santo e Rapa.
- Adela Leiro: unha actriz galega con formación internacional e experiencia en producións nacionais e internacionais, destacada pola súa versatilidade e proxección multicultural.
CIMA – Galardón á mellor cineasta outorgado pola Asociación de Mulleres Cineastas e Medios Audiovisuais
- Nati Juncal Portas: produtora galega e cofundadora de Cósmica Producións, con títulos premiados e recoñecementos como o Mestre Mateo e Variety.
- Anxos Fazáns: directora e produtora galega, autora de A estación violenta e fundadora de Sétima, cunha traxectoria recoñecida en festivais internacionais e proxectos apoiados por ICAA, AGADIC e HBO.
- Alicia Francés: directora de fotografía viguesa con experiencia en cine e televisión, membro da AGA e participante no programa Mentoring de CIMA.