ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Valdeorras maniféstase contra os incendios no Barco: “Nunca máis lume, nunca máis silencio, nunca máis cinza no corazón”

Numerosas persoas percorrían a estrada xeral da vila, dende a praza Maior ata o pavillón de Calabagueiros, onde se daba lectura a un manifesto pedindo medidas "efectivas de protección e xestión forestal"

 

Da praza do Concello do Barco saía a partir das 20:30h. unha manifestación convocada polo colectivo “Terra en pé” para que a sociedade valdeorresa exprese o seu sentimento tras a recente vaga de lumes que asolaba a comarca. Dende aí, a marcha dirixíase pola avenida Conde Fenosa ata o pavillón polideportivo de Calabagueiros.

 

 

Durante o percorrido escoitábanse consignas como: “Valdeorras unida pola terra ardida”, “O rural merece máis”, “Que queremos? Unha Valdeorras viva” ou “Non máis lumes nin máis fumes. A manistación ía encabezada por veciños que portaban pancartas cos lemas como “Arde Valdeorras, arden nuestros corazones” ou “Vuestra incompetencia política quema nuestro futuro”.

 

 

Unha vez os manifestantes chegaban ao pavillón, soaba a marcha do antigo himno de Galicia, da man dun grupo tradicional de música tradicional e, seguidamente, dábase paso á lectura do manifesto. Poñíalle voz o artista Anxo Baranga, natural de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras).

Comezaba asegurando que “hoxe está terra está en pé! Estamos en pé para defender a nosa terra, porque ninguén o vai facer por nós. Esta terra está cansa, está indignada, está queimada… Levamos anos sufrindo a praga dos incendios forestais, que pasaron de arrasar os novos montes a ser unha ameaza para as nosas vivendas. Cada lume é unha agresión directa contra a nosa terra, contra a nosa economía, contra a nosa cultura e contra a vida mesma”.

 

 

Neste senso, no texto do manifesto tamén se denunciaba “a falta de prevención e planificación forestal, o abandono do rural, que deixa os montes sen coidado e máis expostos ao lume, a impunidade dos incendiarios, que seguen a actuar sen consecuencias; a indiferenza social e política fronte a unha das maiores ameazas para Valdeorras”.

Ademais na parte final do manifesto esixíanse “medidas urxentes e efectivas de protección e xestión forestal. Apoio real á poboación rural, primeira gardiá do monte. Investigación, persecución e condena dos culpables. Educación, cultura e sensibilización para que todos e todas entendamos que o monte é patrimonio común”.

 

 

 

E concluíase sinalando que “non queremos máis desculpas, nin máis fotos, nin máis videos de cinza.
Queremos un futuro verde, con vida, con esperanza. Valdeorras di basta. Valdeorras quere vivir.
E nós, fillos e fillas desta terra, xuramos defendela: Nunca máis lume, nunca máis silencio, nunca máis cinza no corazón”.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Vídeos: O SIL.

 

 

Back to top button