ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

O Barco honra ao Cristo nunha multitudinaria procesión, encabezada polas Calantornias

 

Multitude de persoas acompañaban polas rúas de Barco neste 14 de setembro á imaxe de Xesús Nazareno nunha emotiva e sentida procesión que saía ás 12h. dende a igrexa de San Mauro, precedida pola concentración das Cruces e Estandartes dos pobos da Unidade Pastoral do Barco.

 

 

Unha procesión que, como é tradición, ía precedida pola parella de Calantornias, xigantes tradicionais desta celebración, e polos cabezudos. Antes de sumarse a ela saían ás 11:30h. dende o Teatro Lauro Olmo en dirección á praza do Concello, xunto coa Agrupación Tradicional Raiola de Son, onde esperaba por elas a Corporación barquense, co alcalde Aurentino Alonso á cabeza, e tamén a Banda de Música Ciudad de Ponferrada.

 

 

Pola rúa Marcelino Suárez, a comitiva saía en dirección á praza de San Mauro, á espera da saída da imaxe do Nazareno, portado pola antiga confraría que leva o seu nome. A partir de aí comezaba un longo percorrido polas rúas da vila, baixando pola rúa Escura, seguindo despois polo Porto da Barca, e continuando pola rúa Doutor Pérez Lista ata saír de novo á Marcelino Suárez para iniciar o regreso ao templo de San Mauro. Despois, seguía ata a praza Maior do Barco onde o párroco, Jesús Álvarez, oficiaba a misa do Cristo dende o palco.

 

 

Xunto ao palco a Virxe da Estrela de San Pedro de Trones, que encabeza este ano a procesión, e a imaxe de Xesús Nazareno.

Durante a procesión o tráfico estivo regulado pola Policía Local en todo momento, e tamén se contaba coa colaboración de Protección Civil do Barco.

Fotos: A.R.

Vídeos: O SIL.

 

 

 

 

Back to top button