
A Xunta vén de licitar as obras de mellora do viario que comunica co núcleo rural de Soutelo, na parroquia de San Martiño do concello ourensán de Manzaneda, por un importe de 157.679€. Trátase dunha actuación ao abeiro do Plan Hurbe, co que a Xunta colabora coas entidades locais para a execución de obras de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
Neste caso, a actuación permitirá o acondicionamento do camiño municipal que une os núcleos rurais de Manzaneda e Soutelo, que actualmente conta con deficiencias na súa capa de rodaxe, drenaxe e sinalización viaria horizontal. Tamén se levarán a cabo a revisión das redes pluviais e a dotación de pequenas zonas verdes.
Este camiño coñecido como subida a Soutelo ten unha lonxitude de 560 metros e é moi utilizado polos veciños de Manzaneda, Soutelo, San Martiño e Rozavales, xa que é o principal viario que os comunica entre eles e entronca coa estrada provincial de Manzaneda ata A Pobra de Trives. Esta vía tamén é empregada polos turistas que visitan estas paraxes de alto valor paisaxístico, etnográfico e arquitectónico.
As empresas poderán presentar ofertas ata o 2 de outubro.
A través do convenio asinado pola Xunta e o Concello a través do Plan Hurbe, a Administración autonómica asumirá o 70% do custe da actuación, contratará e executará as obras, mentres o Concello de Manzaneda achegará o 30% restante. O prazo de execución das obras estímase en catro meses.
A través doutras medidas e liñas de colaboración como este Plan Hurbe, o Goberno galego contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao convertérense en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.