
A Xunta licita por 245.500€ as obras de acondicionamento da rúa Terra do Souto e de espazos públicos nesta contorna do concello de Rubiá. Esta actuación enmárcase no Plan Hurbe, a través do convenio asinado pola Administración autonómica e o concello ourensán.
O ámbito de intervención localízase na rúa Terra do Souto, na parroquia de Santa Mariña de Rubiá, na contorna de edificios públicos como o colexio público Virxe do Camiño, o pavillón polideportivo, un parque infantil, as edificacións municipais destinadas a almacén e as dúas antigas vivendas dos mestres agora rehabilitadas como vivendas municipais.
Deste xeito, actuarase en zonas que se utilizan como punto de encontro e esparexemento do núcleo e que pola súa singularidade necesitan un adecuado acondicionamento para a súa posta en valor ao tempo que se evita un proceso de degradación urbanística e arquitectónica.
Este proxecto no lugar de Rubiá pretende contribuír á seguridade dos veciños, mediante o saneamento da infraestrutura urbana e a execución de beirarrúas na zona vella da localidade. Ditas actuacións compleméntanse coa instalación de barreiras protectoras.
Tamén, para potenciar un espazo de encontro dos veciños levarase a cabo un programa de humanización de rúas polo que se instalará unha nova rede de iluminación soterrada, e acondicionarase o perímetro do parque infantil e demais zonas verdes, colocando céspede e árbores.
De acordo ao convenio asinado a través do Plan Hurbe, o Goberno galego financiará o 70% do orzamento das actuacións e o Concello de Rubiá aportará o 30% do investimento restante. As empresas poderán presentar ofertas para este contrato ata o 2 de outubro.
Estes proxectos desenvólvense ao abeiro do Plan Hurbe, un programa da Xunta que impulsa actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos para contribuír á revitalización do territorio.
Este programa impulsado polo Goberno galego tamén posibilita reforzar o atractivo das aldeas, vilas e municipios, o que redunda na mellora da calidade de vida da veciñanza, no reforzo da competitividade económica e na fixación de poboación, especialmente no rural.