Na mañá deste sábado 20 de setembro O Carballiño acollía o XXI Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Ourense, coa presenza de máis de 150 persoas voluntarias que desenvolven o seu labor nas diferentes asembleas comarcais da provincia. Entre outras autoridades, asistiron ao acto institucional: Mª Alida Iglesias, Xefa da Unidade de Xénero da Subdelegación do Goberno, Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta de Galicia; Patricia Torres, alcaldesa e Boborás e deputada provincial; José Castro-Gil, alcalde en funcións do Carballiño, así como outros concelleiros, alcaldes e alcaldesas da comarca.
No acto de inauguración Tomás Cerezal Sánchez, presidente comarcal no Carballiño, exerceu como anfitrión e sinalou sentirse “comprometido co labor humanitario da organización e a acción local, con todo o traballo que estamos a facer aquí no Carballiño: coas persoas maiores, cos nenos e nenas, coas persoas que chegan buscando unha vida mellor, sabendo que nós fomos e somos terra de emigrantes”.
Felipe Ferreiro, presidente provincial de Cruz Vermella en Ourense, afirmou que “a Cruz Vermella é unha organización viva” e que o voluntariado se adapta “ás necesidades da sociedade, no último ano ante situacións tan inesperadas como a Dana ou a última vaga de lumes recentemente vivida no país, especialmente na nosa provincia”.

Ferreiro destacou “a constancia do voluntariado, do labor desinteresado, sensible ante a dor e os problemas de quen nos rodea: a soidade, a falta de recursos ou rede familiar e social, a saúde mental en maiores e xente nova… Son moitos os retos que temos por diante”. Cruz Vermella conta en Ourense cunha rede de máis de 2.600 persoas voluntarias que colaboran diariamente nos diferentes proxectos sociais da organización.
O Encontro Provincial de Voluntariado de Cruz Vermella é unha cita anual na que se recoñece o compromiso do voluntariado, ademais de servir para reflexionar sobre o seu papel na sociedade actual e promover un tempo para compartir experiencias entre persoas que colaboran en diferentes programas e proxectos.
Nesta XXI edición do Encontro, Cruz Vermella realizou a entrega de catro Medallas de Bronce e dezanove diplomas de recoñecemento á acción voluntaria:
• Medalla de Bronce: María Rosario Almuiña Cambeses, María Esther Cruz Rodríguez, Sara Barja Rodríguez e Francisco González Soto.
• Diploma de Recoñecemento á Acción Voluntaria: Jose Martín Domínguez Zufiaurre, Javier Gilsanz Fernández, Concepción Godás Menaz, Osama Almehemed Almeshred, Rosario Romero Pérez, Isabel do Carmo Gonçalves, Leonor Luengas de Machado, Otilia Rego Gil, Josefa Fariñas Arias, María Marina Justo López, Carmen González Rodríguez, Irene Martínez Carrera, Carlos Alberto Martí Cerdeña, Rubén Blanco Muñoz, Madalina Stoica, María Nemi Rodríguez Rodríguez, Josefina Pazo Pérez, José Luis González Hermida, María de las Mercedes García García.

Ademais, houbo unha mención especial para todo o voluntariado da provincia de Ourense que participou nos dispositivos de resposta ante ás emerxencias da Dana de Valencia e da vaga de lumes do pasado mes de agosto na nosa provincia. Un agradecemento que se fixo extensivo ao voluntariado que se trasladou dende as provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra.
Tamén se homenaxeou o traballo do voluntariado de Protección Civil, dos membros da Unidade Militar de Emerxencias e da BRILAT, das brigadas de extinción de incendios galegas e procedentes doutras comunidades autónomas, así como a valentía da poboación afectada.
A xornada contou coa actuación de piano de Mateo Pérez Carballo, encargado de abrir o acto institucional e poñer o broche final a ritmo de jazz, a presentación do xornalista radiofónico Javier Moro, así como da colaboración do Concello do Carballiño e do Templo da Veracruz, que abriu as súas portas aos participantes nunha visita guiada.