ConcellosO CarballiñoÚltima hora

O Carballiño supera por primeira vez os 15.000 habitantes

 

O Carballiño vén de superar neste mes de outubro a histórica cifra dos 15.000 habitantes no seu padrón municipal, un fito que se acada por primeira vez na historia da vila e do que daba conta o alcalde, Francisco Fumega, baixo o lema “Xa somos 15.000”, acompañado polo tenente alcalde, José Castro.

O rexedor destacou que se trata dun feito de gran relevancia non só para O Carballiño, senón tamén para a provincia de Ourense, xa que é a primeira vez que unha vila ourensá supera esta cifra, ademais da capital provincial, que o fixo en 1.900. 125 anos despois, únese a capital do Arenteiro. “O Carballiño medra, e un pobo que medra é síntoma do músculo económico e social que o fai posible”, puxo en valor o alcalde.

Fumega subliñou tamén que O Carballiño “é hoxe unha excepción dentro da tendencia xeral de perda de poboación en Galicia, especialmente nas zonas de interior e na provincia de Ourense, e que este crecemento demostra que cun modelo municipal diferente -centrado na calidade de vida, o emprego, a cultura, a natureza e a gastronomía- é posible reverter esa tendencia e atraer nova poboación”.

 

 

O alcalde lembrou que superar os 15.000 habitantes era un dos obxectivos principais do goberno municipal para o presente mandato, e que se logrou cando só transcorreron dous dos catro anos, grazas en parte á campaña de empadroamento posta en marcha a comezos do mesmo.

Segundo os datos do padrón municipal, o pasado 6 de outubro O Carballiño alcanzou os 15.023 habitantes, mentres que o último dato oficial do INE, de xaneiro de 2024, situaba a poboación en 14.075 persoas. É dicir, case un milleiro máis en pouco máis dun ano.

Back to top button