
Con motivo da vaga de incendios que arrasaba a provincia o pasado mes de agosto, por parte da Garda Civil de Ourense creouse un equipo multidisciplinar composto por efectivos pertencentes a distintas unidades da Comandancia a fin de realizar as investigacións pertinentes.
No marco da Operación “Covelo”, desenvolta pola Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Ourense, procedeuse á detención dun home veciño do termo municipal de Carballeda de Avia (Ourense), como presunto autor dun delito de incendio forestal.
O incendio tivo a súa orixe o pasado 15 de agosto sobre as 16:28 horas na localidade de Vilar de Condes, afectou a unha superficie de 3.200 hectáreas dos termos municipais de Carballeda de Avia, Ribadavia, Melón e Ourense, cun perímetro superior a 43 quilómetros cadrados, segundo os datos oficiais da Xunta de Galicia.
O informe técnico realizado pola Garda Civil determinou o punto de orixe do incendio, descartando que se producise por causas naturais, o cal deu lugar ao comezo dunha investigación ao obxecto de esclarecer o suposto feito delituoso.
“Este gran incendio forestal puxo en grave risco a vida das persoas o que se traduciu na evacuación e confinamento de centos de persoas, así como danos estruturais en diferentes edificacións, entre eles 4 vivendas. Para o control e extinción deste foron necesarios medios humanos, terrestres e aéreos de diferentes comunidades autónomas e estatais”, lembra a Garda Civil de Ourense, silanando tamén que o presunto responsable dos feitos pasou a disposición xudicial no día de hoxe.