A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta convocará, previsiblemente no mes de xaneiro, catro novos concursos de dereitos mineiros, un por provincia, que priorizarán as materias primas críticas que son estratéxicas para a economía como o wolframio ou o litio.
Así o adiantou logo de presidir a primeira reunión do Consello da Minería de Galicia, un órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento do que forman parte varios departamentos da Administración autonómica; colexios profesionais; representantes do sector da lousa, o granito, os áridos, as augas minerais, os balnearios e o de materiais cerámicos; a Cámara Oficial Mineira de Galicia; a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp); a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e as organizacións sindicais.
Na xuntanza, a conselleira informou da resolución do anterior concurso de dereitos mineiros caducados, o primeiro en 14 anos, que sairá publicada nos próximos días no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE). Segundo precisou, houbo 20 solicitudes: 18 para a provincia da Coruña e dúas para a de Ourense. Os restantes dereitos que non saíron adiante por falta de solicitude ou porque foron rexeitadas, explicou, decláranse rexistrables, o que permite que se poidan solicitar sen concurso previo por parte de calquera promotor.
Nesta liña, adiantou que a Xunta xa está traballando nun segundo concurso que, dando continuidade ao anterior, vai compatibilizar materias primas clásicas como o caolín, a arxila ou os feldespatos, con materias primas críticas como o wolframio ou o litio, fundamentais para a produción de bens esenciais.
Lorenzana tamén informou no pleno do consello da inclusión na Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os Orzamentos de 2026 dun Plan de inspección mineira que regulará a realización de visitas totais ou parciais ás instalacións para levantar acta do seu estado con respecto ao proxecto inicial. Supón, dixo, “unha reorganización das funcións de inspección para poder intensificar o labor mineiro e, a partir de aí, regularase nunha orde que se traballará no Consello da Minería de Galicia”, abondou.
Segundo explicou, é unha medida que forma parte da Estratexia de seguridade industrial na que vén traballando a Xunta toda a lexislatura. “Consideramos que é fundamental que este desenvolvemento industrial e mineiro que está tendo a comunidade autónoma vaia acompasado coa seguridade e saúde laboral”, así como dunha aposta pola sustentabilidade.
“Hoxe é un día importante para continuar traballando a favor da minería”, concluíu, para sinalar que o labor do Consello da Minería de Galicia, que se reunirá con periodicidade anual, comeza agora coa constitución dos grupos de traballo.