ConcellosManzanedaÚltima hora

Amable Fernández: “A cidadanía de Manzaneda dame o seu apoio e está moi preocupada pola moción de censura”

O alcalde de Manzaneda daba a súa versión ante a moción presentada contra el, respaldado por diversos cargos do partido socialista provincial

 

Xusto á hora na que tería rematado o pleno da moción de censura, presentada contra o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, e que se freou no xulgado ao poder existir causas de nulidade; este rexedor convocaba aos medios de comunicación para dar a súa visión do que estaba acontecer no municipio, arroupado por diversos cargos do PSdeG-PSOE. “Esa moción non ten nin pés de cabeza, a min o que me preocupa son os veciños, a xente non quere esta moción”, dicía.

Ademais destacaba e agradecía o apoio da veciñanza do municipio, que sentía especialmente durante estes días. “A cidadanía de Manzaneda dame o seu apoio e séntese máis preocupada ca min por esta situación”. Criticaba tamén o alcalde de Manzaneda os motivos nos que basean a moción o PP e dous concelleiros que deixaron o PSdeG-PSOE e que a apoian.

“Din que é por ingobernabilidade, pero iso non é así. Pois na lexislatura pasada eramos tres concelleiros socialistas, minoría, e sacamos o Concello adiante pasando ademais unha pandemia e a xente que vive aquí sabe o que hai, e como traballamos e isto foi para adiante”, comentaba emocionado Amable Fernández. “E nas eleccións locais pasamos de 3 a 5 concelleiros. Agora critícannos que perdemos subvencións, pois vou ler por riba as que temos ata agora máis destacadas”, aseguraba, citando, entre outras a da rehabilitación do curro da Mosenda (42.000 euros), a mellora da estrada do Vao na que están traballando agora (48.000 euros), a mellora do acceso a Sampaio (10.000 euros), un Plan Urbe (157.000 euros), actuacións na residencia de maiores cun investimento de 304.000 euros cos fondos europeos… E así ata “máis de 600.000 euros para un Concello como Manzaneda. Cos pequenos recursos que temos, imos funcionando e aí non cito as da Deputación. Se sumas todo vaste case a 1 millón de euros que se destina a onde máis falta fai”, destacaba.

 

 

Ademais resaltaba a falta de apoio social dos edís do PP, que “non meteron unha moción en seis anos no pleno. Temos dous concelleiros do PP que estaban fóra politicamente porque perderon dúas eleccións seguidas, que sabían que ían estar fóra nas seguintes e que viron o ceo aberto cos dous tránsfugas.”, indicaba o alcalde.

“Hai dous anos e pico, presentándose ás eleccións só dúas candidaturas, e sendo este concello maioritariamente do PP, sacamos maioría absoluta, cando nas xerais de xullo, uns meses despois, ganou o PP cun 51% dos votos e habendo seis candidaturas. A xente sabe o que quere e dentro de ano e medio a xente falará. E a pena é que se presente isto a un ano das eleccións e que saiamos nos medios de comunicación por isto e sen ter motivos, ¿que van ganar con isto?”, preguntábanse Amable Fernández.

 

 

O rexedor de Manzaneda, que considera “armadanzas da moción a un alcalde de aquí cerca e a un deputado da zona”, comparecía xunto ao secretario provincial, Álvaro Vila, e a unha delegación de cargos do partido, que se desprazaban ata o municipio para respaldalo e trasdarlle o “total e rotundo” respaldo de todo o partido. “Hoxe estamos aquí acompañando ao alcalde, despois de ter coñecemento no día de onte da suspensión da moción de censura, que se presentou apoiándose en tránsfugas do PSOE, incumprindo por parte do PP un pacto entre os partidos políticos de non apoiar as mocións de censura con tránsfugas”, lembraba Álvaro Vila.

Así mesmo, o secretario provincial socialista apuntaba que con “esta sentenza cautelar cremos que se abre unha ventá de oportunidades para que o PP de Ourense rectifique e volva ao pacto antitransfuguismo e ao sentido común. Dende un despacho non podemos terxiversar as decisións da veciñanza cando vota nunhas eleccións, e por iso facemos unha última chamada para o que PP rectifique a moción e lexitime ao actual alcalde de Manzaneda, Amable Fernández”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button