ConcellosQuirogaÚltima hora

As melloras no acceso a Revide e A Toca, en Quiroga, suporán un investimento de 48.000 euros

 

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiará melloras na pista de acceso aos núcleos de Revide e A Toca, en Quiroga, a través dun convenio de colaboración co Concello. O deputado de Rural, Daniel García, visitaba na mañá deste mércores 5 de novembro a vía na que realizará a intervención, acompañado polos concelleiros de Participación Social, Servizos Sociais e Normalización Lingüística Xosé Manuel Fernández e de Medio Rural e Medio Ambiente Luis Arias, que destacaron o “dinamismo destes núcleos con practicamente todas as vivendas habitadas e varios proxectos de rehabilitación de inmobles”.

Tal como explican dende a Xunta, a actuación, que suporá un investimento de 48.000 euros, “centrarase na “renovación do pavimento actual, cun deterioro importante, e aproveitarase tamén para substituir un tramo de canal para auga de rega”.

Daniel García explicou que “desde a área de Medio Rural estamos a facer un esforzo por colaborar na mellora das infraestruturas das zonas rurais, xa que somos conscientes das limitacións orzamentarias dos concellos para atender o mantemento da rede viaria, máis no caso de municipios tan extensos como Quiroga”.

O convenio de colaboración para o arranxo desta pista reforza o apoio da institución provincial ao concello quirogués, que conta cunha asignación de 350.000 euros do Plan Deputación.

Back to top button