
Con motivo da conmemoración do seu primeiro centenario, a Denominación de Orixe Cualificada Rioxa, cuxo director xeral é o valdeorrés Pablo Franco, vén de celebrar en Madrid un exclusivo evento nun dos espazos máis emblemáticos da capital: Cinemas Callao. A cita enmárcase no conxunto de fitos e celebracións deste ano, que reivindicaron o legado, a diversidade e a proxección internacional de Rioxa como referente do viño español.
Desde o seu recoñecemento en 1925 como a primeira Denominación de Orixe en España, Rioxa “liderou a evolución do sector cunha aposta constante pola calidade, a innovación e a orixe. Un século despois continúa sendo un referente indiscutible do sector vitivinícola con presenza en 136 países, máis de 13.000 viticultores e preto de 600 adegas que manteñen vivo o espírito dunha terra onde o viño non só elabórase, senón que se vive. Este aniversario marca un fito nunha Denominación que mira ao futuro coa mesma paixón coa que comezou fai cen anos”, destacan dende esta D.O.
Xa desde o exterior, o público puido gozar das proxeccións na pantalla xigante de Cines Callao, que alumou a praza e a Gran Vía madrileña con imaxes que trasladaban a todo aquel que as vía á Rioxa. O evento daba comezo cun gran photocall que converteu a icónica praza de Callao nunha auténtica première. Na súa alfombra vermella déronse cita recoñecidas figuras do ámbito cultural e social, entre elas Nieves Álvarez, como mestra de cerimonias do evento, e Tamara Falcó e Iñigo Onieva. Tamén pousaron baixo os focos Miriam Giovanelli, Bore Buika, Nuria González, Paula Moya, Daniel Muriel, Alex Sánchez da Amora, José Lamuño e Agostina Fabrizio.
A experiencia continuou no interior dos Cines Callao cunha instalación escenográfica que transportou aos invitados á propia Denominación. Concibida para reflectir a diversidade das 600 adegas que integran a DOCa Rioxa, o evento contou cunha cava na que se expuxeron máis de 200 referencias vitivinícolas, en representación das diferentes adegas que conforman a Denominación, ofrecendo un percorrido sensorial e visual pola súa historia e o seu territorio a todos os invitados.
Ao encontro asistían representantes do Consello Regulador da DOCa Rioxa: Raquel Pérez Cuevas, a súa presidenta; Fernando Ezquerro Cuevas, o seu vicepresidente; e Pablo Franco Sarria, o seu director xeral, quen destacou a relevancia do Centenario como un gran fito e impulso cara ao futuro da Denominación, así como representantes do sector vitivinícola da DOCa Rioxa.

A proposta gastronómica estivo a cargo dos irmáns Echapresto, posuidores de dúas estrelas Michelin no seu restaurante Venda Moncalvillo (A Rioxa). Os invitados gozaron dunha experiencia culinaria que reinterpretó os sabores tradicionais de Rioxa, maridada cunha coidada selección de viños da Denominación. Durante o evento servíronse as referencias institucionais do Consello Regulador da DOCa Rioxa: Hacienda El Ternero branco fermentado en barrica 2024 de Viñedos del Ternero (Miranda de Ebro); Ilurce rosado xenérico 2024 de Bodegas y Viñedos Ilurce (Alfaro); Coto de Imaz tinto reserva 2021 de Barón de Ley (Oyón); Óscar Tobía tinto gran reserva 2016 de Bodegas Tobía (Cuzcurrita de Río Tirón); e Lumen espumoso reserva 2020 de Bodegas Bilbaínas (Haro). Tampouco faltou o Viño Conmemorativo do Centenario de Rioxa, Gran Reserva 2019, que, ademais de servirse durante a velada, foi entregado como obsequio a todos os asistentes.
A velada estivo guiada por Nieves Álvarez xunto a Raquel Pérez, presidenta do Consello Regulador da DOCa Rioxa, quen fixo un repaso polos 100 anos de historia de Rioxa, destacando a diversidade, persoas e paixón que fixeron dela unha Denominación líder tanto a nivel nacional como internacional. O evento culminou cun espectáculo musical en directo da man do DJ Aldo Comas, quen puxo ritmo e emoción a unha noite pensada para celebrar o legado da única Denominación centenaria de España, gozar o presente e brindar polo futuro de Rioxa, para que siga marcando o camiño do viño español no mundo.
Fotos cedidas.