ConcellosEconomíaEconomíaEn portadaO BarcoÚltima hora

O establecemento barquense Miranda Moda, finalista nos Premios do Comercio Galego 2025 na categoría de “traxectoria”

 

Os Premios do Comercio Galego 2025, galardóns da Xunta que recoñecen o esforzo, a innovación e o compromiso do comercio galego, entregábanse na tarde do 12 de novembro nun acto celebrado en Santiago de Compostela.

Entre os finalistas desta edición estaba o establecemento barquense Miranda Moda, que competía na categoría de Traxectoria polo seu percorrido exemplar e pola súa dedicación ao longo dos anos ao servizo da clientela e do desenvolvemento do comercio local.

 

Ver vídeo entrega

 

 

 

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, era o encargado de clausurar a entrega dos Premios do Comercio Galego 2025 nun acto no que se aproveitou para presentar en sociedade a nova imaxe do Comercio Galego, coincidindo ademais co arranque dunha nova campaña autonómica para darlle un pulo ao sector. González cualificou a cita —na que tamén estiveron a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e a xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez— como unha oportunidade idónea para visibilizar un sector clave para a economía galega, caracterizado pola súa riqueza e diversidade ao servizo da cidadanía e en beneficio da dinamización das cidades e vilas, con especial fincapé no rural.

Na súa intervención, puxo en valor o bo facer dos negocios recoñecidos cos Premios do Comercio Galego 2025 nas categorías do Premio Comercio Galego, Premio Comercio Traxectoria, Premio Comercio Emprende, Premio Comercio Dinamización e Premio Comercio Sostible.

O titular de Comercio resaltou as achegas de todos e cada un dos premiados e finalistas a un sector comercial forte, moderno e competitivo capaz de adaptarse ás novas tendencias e demandas das persoas consumidoras. Animounos a seguir por esa senda co apoio da Xunta para que se estenda o seu exemplo e se siga xerando riqueza e emprego, ademais de vertebrando o territorio e fixando poboación.

 

 

Felicitacións do CCA a Miranda Moda

“Dende o CCA O Barco Aberto queremos felicitar sinceramente a Miranda Moda por ter acadado a condición de finalista, un logro que pon en valor o seu traballo constante e a súa aposta polo comercio de proximidade”, sinala esta entidade, que preside Jacobo Arias, que estaba presente na gala. Así mesmo, proseguen, “queremos felicitar a todos os gañadores e gañadoras dos Premios Comercios 2025, referentes do esforzo, a profesionalidade e a excelencia que caracterizan o comercio galego. Recoñecementos coma este serven para poñer en valor o traballo diario de tantos profesionais e reforzan o compromiso con un comercio local forte, sostible e innovador”.

 

Back to top button