
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde polas que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde e á adxudicación de destino definitivo aos aspirantes seleccionados no proceso selectivo de estabilización, convocado pola resolución do 26 de decembro de 2022, e no proceso selectivo dirixido a impulsar a cobertura dos postos de difícil cobertura, convocado pola resolución do 11 de maio de 2023.
Trátase do terceiro proceso de adxudicación de destino definitivo en diversas especialidades da categoría de facultativo especialista de área, tras resultar prazas vacantes logo das resolucións de nomeamentos do 15 de abril e do 20 xuño de 2025 no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, e das resolucións de nomeamento do 17 de abril de 2024 e do 25 de agosto de 2025 no proceso selectivo para a cobertura de postos de difícil cobertura.
Os procesos selectivos de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro xa están rematados nestas categorías.
Porén, cómpre adxudicar as prazas que resultaron vacantes tras a finalización do prazo de toma de posesión dos adxudicatarios de destino definitivo, en execución da base 10.4 da convocatoria que prevé que, co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, no suposto de situacións nos que os seleccionados por diversos motivos non continúen no proceso, cubrirase a baixa co aspirante incluído inmediatamente a continuación na relación de seleccionados, pola orde de prelación que resulte da lista definitiva.
Especialidades
No proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, resultan nomeados e adxudicatarios de destino definitivo 6 facultativos especialistas de área nas seguintes especialidades: medicina do traballo (1), pediatría e as súas áreas específicas (4) e radiodiagnóstico (1).
No proceso selectivo dirixido a impulsar a cobertura de postos de difícil cobertura resultan nomeados e adxudicatarios de destino definitivo 9 facultativos especialistas de área que pertencen ás especialidades de anestesioloxía e reanimación (1), cirurxía xeral e do aparello dixestivo (1), medicina interna (1), obstetricia e xinecoloxía (2), psicoloxía clínica (1), psiquiatría (2) e radiodiagnóstico (1).
Da relación definitiva de adxudicatarios tres son do Hospital Público de Valdeorras: 1 especialista de radiodiagnóstico, 1 de Pediatría e 1 de Xinecoloxía.
Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo de toma de posesión remata o 19 de decembro de 2025.
A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable ao interesado e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. No entanto, en casos de forza maior, e por instancia do interesado, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión.
As persoas seleccionadas poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas co procedemento de elección de destinos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.