Con especial emoción, mozos e maiores vivían esta xornada en Cádavos (A Mezquita). No marco da celebración da Festa dos Reis, dous veciños, Rosa e Hermógenes, decidían recuperar o forno da Casa do Pobo, que levaba 40 anos sen funcionar.
Coa axuda da mocidade, limpouse o forno, e puxéronse mans á masa para preparar pan e empanadas, ademais de asar un xamón, que esta noite se compartirán na primeira das xuntanzas arredor da mesa da veciñanza polos Reis.

“Antes cada veciño tiña digamos unha vez ao mes para cocer, había como unha partilla, como se facía por exemplo co rego da auga. Entón cando lle tocaba, podía cocer ata tres veces ao día. Daquela non viñan panadeiros aquí, entón se non cocías, non podías comer pan. Co tempo, a vida foi mellorando e tamén comezaron a vir a vender pan pola aldea e o forno foise abandonando”, lembra Hermógenes, “este ano Rosa, que se encargou de facer a masa do pan, díxome, se me axudas, roxamos e así fixemos”.
Á súa beira, Rosa destaca o apoio dos rapaces de Cádavos, e amósase moi contenta de recuperar o forno. “Penso que vale a pena, a xente maior emocionouse porque ten moitos recordos relacionados con el”.

E, nese senso, relata como as mulleres maiores, entre elas unha antepasada súa, antes viñan buscar as brasas para alimentar os braseiros no inverno. E como se preparaban nel multitude de roscóns de festa e empanadas. “Había tinas para os roscóns e os rapaces estabamos esperando se nos daban o caldeiro para poder rabañalo”.
A súa iniciativa, ademais, permitiu que a xente nova de Cádavos puidera ver funcionar este forno, que nunca viran aberto e aceso. E agora que volve estar activo, a intención de Rosa e de Hermógenes é que siga funcionando. “Agora que o puxemos a andar, de aquí para adiante, nós, polo menos, imos vir a cocer unha vez á semana”.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.
