ConcellosO BarcoÚltima hora

A Policía Local do Barco inaugurará a nova sede o día do seu patrón

Será o vindeiro xoves 15 de xaneiro tralos cultos na honra a San Mauro

 

O vindeiro xoves 15 de xaneiro a Policía Local do Barco de Valdeorras vestirase de gala para honrar ao seu patrón, nunha dobre celebración. A primeira, como cada ano será a dos cultos a San Mauro, e a segunda a inauguración da súa nova sede, na rúa Pérez Lista Nº 38.

 

 

Pasado o mediodía, os policías da vila esperarán vestidos de gala o momento exacto, ás 12:30horas, para coller a imaxe do santo e comezar o percorrido que sairá pola praza Maior para continuar polas rúas Real e Escura e rematar de novo na igrexa onde dará comezo a eucaristía presidida polo párroco Jesús Álvarez, na que tamén estarán presentes os policías locais e os convidados.

 

 

Unha vez rematado o acto terá lugar a inauguración oficial da nova sede da Policía Local a onde se trasladaban hai moi pouco tempo. Tal como avanza o novo inspector xefe, Fernando Lozano Selles, que tomaba posesión do cargo o pasado 13 de decembro, este ano esperan contar coa presenza do Xefe provincial de Tráfico, do Subdelegado do Goberno en Ourense e do Tenente Coronel da Comandancia de Ourense, así como outros xefes policiais de Ponferrada e Galicia.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Back to top button