ConcellosÚltima horaVídeos

A Estación de Montaña de Manzaneda rexistra 15.000 visitas e logra cifras históricas no inicio da tempada invernal

Case 9.000 persoas esquiaron nestas instalacións e 6.800 achegáronse ao complexo para visitalo e coñecelo desde o 23 de decembro ata o 11 de xaneiro

 

A Estación de Montaña Manzaneda pechou o período comprendido entre o 23 de decembro de 2025 e o 11 de xaneiro de 2026 cun balance moi positivo, tanto en afluencia de usuarios como en ocupación de aloxamento”. Así o resaltaba o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, durante unha visita esta tarde ás instalacións deste complexo deportivo, na que estaba acompañado polo director da estación, Víctor Picos. Unhas cifras, incidía Merelles que “consolidan así a súa recuperación despois de resultaren afectadas pola vaga de lumes do pasado verán”.

Xosé Merelles explicou que dun total de 14.559 usuarios, 8.915 foron esquiadores e 6.844 visitantes, “uns datos que poñen de manifesto o atractivo de Manzaneda non só para a práctica do esquí, senón tamén como espazo de lecer, natureza e turismo familiar, mesmo en xornadas nas que non foi posible a actividade esquiable”, apuntaba.

 

 

Ademais, o director de Turismo valorou a ocupación do complexo de aloxamento da estación que acadou próxima ao 87 %, “con picos que chegaron ao 94 % nos días de maior demanda”.

Os mellores rexistros concentráronse nos días centrais das vacacións de Nadal e en datas sinaladas como a Noiteboa, Fin de Ano e Aninovo, coincidindo cunha maior afluencia de visitantes e con estadías de carácter maioritariamente familiar.

Segundo apuntaba o director de Turismo, os rexistros deste período supoñen un impulso moi importante para toda a tempada ao tempo que reforzan a estratexia da Xunta no que atinxe á diversificación da oferta, impulsando Galicia en xeral, e Ourense, en particular, como destino de inverno. Ademais, “favorecen a consolidación de Manzaneda como destino de montaña os 365 días do ano, con impacto directo na economía local e comarcal”.

 

 

Por outra banda, Merelles lembraba a aposta tanto da Xunta como da Deputación de Ourense por “diversificar a oferta da estación de montaña e de apostar para que haxa actividades ao longo de todo o ano, estamos traballando para desnvolver un plan para que na época na que non neva poder ter cada vez máis actividades que fagan que a estación teña unha ocupa ocupación cada vez máis alta e que iso nos permita dicir que este é un polo de atracción para o turismo de natureza”.

Aínda así, o director de Turismo de Galicia resaltaba que “a base fundalmental da estación  está no esquí e del proceden os fondos máis importantes da estación, pero nós apostamos pola diversificación”. Tamén lembraba que nesta cuestión xa se vén traballando dende hai uns anos “e o noso balance é moi positivo, tendo en conta que acollemos actividades como campamentos escolares, competicións deportivas de BTT, trails…”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Back to top button