ConcellosÚltima horaVídeos

A Festa do Fachós de Castro Caldelas iluminará a vila cunha espectacular procesión de lume

Será o vindeiro 19 de xaneiro, entre lusco e fusco, con saída dende o adro do Santuario dos Remedios

Imaxe da procesión dos Fachós de Castro Caldelas, no 2020./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O vindeiro 19 de xaneiro, cando comece a anoitecer “entre lusco e fusco”, comezará a Festa dos Fachós de Castro Caldelas. O “Gran Fachón” presidirá unha impresionante procesión de lume, seguido de centos de pequenos “fachós” nun percorrido máxico polas rúas do casco histórico coa única iluminación das chamas e a do Castelo. O punto de partida será o adro do Santuario dos Remedios, onde tamén rematará o ritual e darase paso ao apartado gastronómico da festa.

Revivirase así unha tradición que data do ano 1751, cando unha peste asolaba a comarca e os veciños saíron ao escurecer en procesión cos seus fachós de palla. “Posiblemente sexa a Festa documentada máis antiga de Galicia e das poucas donde se venera o lume”, sinala a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega.

O programa desta edición será o seguinte:

– Saída do Gran Fachón entre ás 7,30 ás 7,50h da tarde do adro do Santuario. Acenderá o Fachón a Alcaldesa de Castro Caldelas e o Dr. X. de Patrimonio acompañados de Alcaldes e outras Autoridades. De seguido sairán os máis de 400 Fachós individuais.

– Ao final da Procesión os restos do Gran Fachón e dos pequenos deposítanse na enorme Cacharela, e tamén se queima o S. Sebastián feito igualmente de Palla.

-Comeza entón a parte gastronómica da Festa: Os Chourizos feitos en Caldelas e curados con fume de Carballo, bo Pan de Caldelas, Viño da D.O. Ribeira Sacra subzona de Castro Caldelas e unha monumental Queimada. E a Bica Manteigada que poden saborear polos bares da vila.

“Acompaña a festa a música tradicional e das Charangas, os vivas a San Sebastián, o lume e o agarimo e ganas de diversión dos veciños e visitantes”, engade Sara Inés Vega, “a esta festa achégase xente de toda Galicia, de moitos lugares de España e tamén de Europa e de fóra do continente”.

Vídeo cedido.

Back to top button