Á Panadería Tabal, aos 30 anos da chegada do FC Extremadura á Rúa e ao tren. Cun triple recoñecemento, no Centro Cultural Avenida, abríase a XVII Festa do Codillo que se celebra hoxe na Rúa.
O acto de homenaxe á Panadería Tabal, na Rúa dende 1878, comezaba coa benvida por parte da alcaldesa, María G. Albert, a “unha fin de semana que para A Rúa é xunto coa Baco Festa, a actividade cultural e festiva máis importante e que espertan máis paixón”, dixo, destacando a presenza dos fillos adoptivos Wayne Brabender e Juan Francisco Sánchez, un de Minnesota e outro de Almendralejo e o acto en si, “unha homenaxe non só merecide senón o brigada” a un dos negocios máis antigos que quedan na Rúa, “dende logo a última panadería tradicional que queda no noso concello polo que para nós é un privilexio que aceptaran ser os homenaxeados deste ano”.

Coa presenza coma sempre dunha delegación da vila irmandada coa Rúa dende hai case 25 anos, a seguinte en intervir era Josefina Barragán, concelleira de irmandamento, quen excusaba a ausencia do alcalde por motivos de saúde, lembrando a relación que maneñen coa vila valdeorresa. Neste acto tiña por primeira lugar o intercambio de agasallos entre os dous concellos “que habitualmente se facía no Salón de Plenos e nesta ocasión decidimos traelo aquí, un momento moito máis acaído”, dixo, dando paso ao primeiro recoñecemento do día, unha lembranza ao 30 aniversario da estancia na Rúa do CF Extremadura, equipo de fútbol de Alemdralejo que propiciou o posterior irmandamento.
Ante a ausencia de Pedro Nieto, presidente do club naquel momento a quen nomearon Padriño de Honra e tras a proxección dun pequeno vídeo no que celebraban o segundo ascenso a Primeira División no ano 1998, era Juan Francisco Sánchez Argüello quen recibía o agasallo de mans de José Vicente Solarat, alcalde no ano 1996 cando o equipo extremeño facía a pretempada na Rúa por primeira vez.

Despois chegaba o acto central, a homenaxe á Panadería Tabal, un forno para pan fundado polo avó de Manuel “Lolo” Rodríguez Rodil que hoxe recibía a mención xunto á súa muller Rosa María Rodríguez Novo, despois de coller o relevo nunha panadría “histórica, unha das poucas con forno de leña que posiblemente queden no país”. Trala proxección dun fermoso vídeo no que eles eran os protagonistas, recibían a placa de mans Ana Fernández Vizcaya, concelleira e fiel clienta. No escenario, Manuel non se esquecía de ninguén nos seus agradecementos, comezando pola corporación municipal e autoridades e rematando cos clientes que pasaron pola panadería, lembrando aos que xa non están e adicando o recoñecemento “aos meus pais e avós que fundaron a panadería e fixeron posible que isto seguira para adiante”, dixo antes de escoitar a emotiva mensaxe que a súa irmá Manola lle enviaba ao non poder estar presente.
Finalmente facíase unha lembranza aos 150 anos da colocación das primeiras travesas da via na Rúa para a liña Palencia-A Coruña, cun simbólico vídeo e as palabras de José Vicente Solarat López, bisneto, neto e fillo de ferroviarios quen fixo unha chamada á recuperación de certas liñas e das vivendas de RENFE, hoxe desabitadas.

Coa foto de familia e presentación do menú que hoxe degustarán as 1.200 persoas que asistan ao xantar, pechábase o acto.



Fotos: Carlos G. Hervella/ Mónica G. Bellver.
Vídeos: Mónica G. Bellver.