CulturaCulturaÚltima hora

Fernando Hernández, escritor e policía local no Barco, presenta a súa última novela na Pobra do Brollón

Fernando Hernández co seu novo libro./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Concello da Pobra do Brollón organiza dúas presentacións de libro para o mes de marzo, ambas na Casa da Cultura ‘Olga Novo’. A primeira, este venres 6 ás 20:00 horas, a novela de intriga Conmigo muere tu secreto, o terceiro libro do autor monfortino Fernando Hernández González.

O argumento vira ao redor da confesión que o protagonista realiza cando xa é ancián dende nunha residencia para a terceira idade, nos difíciles tempos do Covid. A acción desenvólvese en dous escenarios: no Barco na década dos 50, que é cando suceden os feitos que foron ocultados, e Monforte en 1991.

Conmigo muere tu secreto é a terceira novela de Fernando Hernández, tras publicar Juguetes de lo desconocido e Gotas de esperanza. Graduado en Criminoloxía, o autor compaxina a escritura co seu posto de policía local no Barco de Valdeorras.

A segunda presentación será o libro Mariposas amarillas de Eva Cabanelas Dopazo, o vindeiro venres 13 de marzo ás 20:30 horas.

A ourensá Eva Cabanelas é doutora en Veterinaria, profesora de Ciencias e divulgadora científica. Mariposas amarillas é un relato íntimo e reflexivo que percorre as etapas máis significativas da vida da autora. A autora constrúe así un mosaico de experiencias persoais, familiares, académicas e sociais, ofrecendo unha mirada honesta sobre o seu proceso de autodescubrimento e a súa evolución como muller e profesional.

Ambas presentacións son na Casa da Cultura ‘Olga Novo’, de entrada libre.

Back to top button