ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

“O 8M debería ser os 365 días do ano”

A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, lia o manifesto institucional do Concello polo Día Internacional da Muller

 

Como cada ano por estas datas, o Concello do Barco conmemora o Día Internacional da Muller (8 de marzo) cunha serie de actos, sendo o central o realizado no mediodía deste venres día 6 na praza do Concello. Alí tiña lugar a lectura de fermosos manifestos por parte de alumnos do Colexio Divina Pastora e do IES Lauro Olmo, acompañado pola música e a voz de dúas estudantes do Conservatorio, Lidia e Iria unha ao piano e outra ao saxo aínda que Iria interpretaba tamén un tema ao piano.

 

 

O broche, coma sempre, poñíao a lectura do manifesto institucional do Concello, asinado polos tres grupos políticos (PSdeG, PP e BNG) polo Día Internacional da Muller, cuxa conmemoración “permítenos lembrar, reivindicar e facer balance dos avances acadados. Unha data mundialmente rememorada na que a ONU, neste 2026, une a mulleres e nenas para esixir igualdade real de dereitos e xustiza real para facer valer, exercer e gozar eses dereitos”.

 

 

Trátase dun día “para a reivindicación e a loita pola igualdade entre mulleres e homes; tamén para celebrar cada avance conseguido, pero sobre todo para denunciar e reivindicar todo o que queda por facer”, aínda que “o 8M debería ser os 365 días do ano”, engadía a concelleira de Cultura Margarida Pizcueta, encargada este ano de ler o escrito no que destacan que este século XXI “colleunos por sorpresa cun feito que non esperabamos: a nosa sociedade, en lugar de seguir avanzando, está a dar pasos atrás. E as mulleres estamos na primeira liña destes retrocesos”.

 

 

Este 8 de marzo, hai moitas razóns para preocuparse e para actuar. Por iso “debemos reafirmar con claridade o noso compromiso coa axenda feminista. Unha axenda que xa se está desenvolvendo con avances concretos como: o pulo e a renovación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que por primeira vez inclúe medidas específicas contra a violencia dixital e pon o acento no acoso que sofren as mulleres nas redes sociais. Ou o proxecto de lei contra a violencia vicaria, fundamental para protexer a nenas e nenos das formas máis crueis de violencia machista. Tamén o marco europeo avanza nesta dirección, coa Lei de Servizos Dixitais que obriga ás plataformas a asumir responsabilidade sobre os contidos que amplifican”.

 

 

Contra o negacionismo machista, aseguran, “a única estratexia que funciona é a que nos marca o feminismo. E o feminismo sempre nos dixo que a educación en igualdade de nenos e nenas, a coeducación, é clave para o futuro da nosa sociedade. Hoxe queremos reivindicala máis ca nunca”. Para que as nenas crezan coas mesmas oportunidades e dereitos, “non podemos deixar fóra do foco aos nenos. A educación en novas masculinidades faise totalmente imprescindible: as últimas décadas demostráronnolo. As mulleres poderemos avanzar cando os homes n camiñan tamén camiñen cara a igualdade. Transformar as relacións entre mozas e mozos en relacións onde o machismo quede fóra de xogo é unha tarefa urxente”.

“Cando unha muller avanza, ningún home retrocede. Cando unha muller avanza, todas damos un paso á fronte”, remataba Pizcueta.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button