
“O lume non entende de fronteiras e a cooperación para intercambiar boas prácticas e coñecementos sobre como previlos e apagalos é esencial”. Así comezaba a súa intervención o delegado da Xunta, Manuel Pardo, na reunión que mantiña na mañá deste venres 6 de marzo con alcaldes da provincia de Ourense para ultimar a coordinación dos traballos de limpeza e xestión da biomasa das faixas secundarias.
No encontro, que se desenvolveu na Delegación Territorial, o delegado territorial incidiu na necesidade da implicación e da colaboración da sociedade e remarcou a responsabilidade de que os concellos que aínda non asinaran o convenio de cooperación procuren facelo o antes posible. De feito, malia que os municipios poden sumarse ao convenio cando queiran, transmitíuselles a necesidade de que, aqueles que queiran realizar traballos este ano, se adhiran antes do 21 deste mes de marzo, co fin de poder planificar as actuacións. Así mesmo, tamén se lles lembrou aos representantes dos concellos que o 31 de marzo, como moi tarde, deben remitir á Xunta o plan de traballo coas actuacións solicitadas nos seus territorios.
“Despois da experiencia vivida o obxectivo último é protexer á cidadanía, salvagardar os recursos naturais e garantir a seguridade do persoal que traballa sobre o terreo, mediante unha planificación preventiva máis sólida e unha resposta operativa máis eficaz en situacións de emerxencia”; rememorou o delegado territorial, que, unha vez máis, puxo énfase na implementación deste tipo de medidas “beneficiosas, tanto para as localidades adheridas como para os seus veciños, dado que a prevención fronte aos lumes é cousa de todos”; asegurando que a prevención é unha prioridade para o Goberno autonómico, un compromiso que, explicou, se demostra con feitos, referíndose así ao incremento do 50 % do orzamento para este concepto, que no ano 2026 ascende ata os 75,38 millóns de euros.

E subliñou o aumento do investimento destinado a estas tarefas, que se duplica ata os 25 millóns de euros anuais, nos que se inclúe o fondo específico de Limpeza de Faixas dotado con 10 millóns. O convenio inclúe un reforzo do apoio a concellos e particulares, especialmente aos de menos de 10.000 habitantes, e promove que se realicen de xeito áxil execucións subsidiarias en zonas de risco de incendio nas que os titulares non cumpran coas súas obrigas, en liña co disposto na Lei de medidas que acompaña aos Orzamentos de 2026.
Seguindo esta liña, aumentáronse o número de parroquias priorizadas, que pasan de 157 a 276, e nas que os particulares teñen a opción de contratar a Seaga para as rozas por un importe de 420 euros por hectárea. Por outra banda, cómpre lembrar que se segue a ofrecer a posibilidade de que esta empresa pública realice execucións subsidiarias de ata 10 hectáreas -por concello e ano- fóra das parroquias priorizadas; así como a limpeza de 12 quilómetros de vías municipais. Tamén se ampliará o subministro de especies que axuden a construír unha franxa natural de protección dos núcleos urbanos e fagan innecesarias sucesivas limpas desas parcelas.
Ademais, tamén a través de Seaga, os municipios adheridos poderán dispoñer de axuda para para revisar, modificar ou apoiar na elaboración do plan municipal de prevención e para realizar inspeccións e notificar aos titulares dos predios. Por último, o delegado territorial informou de que a comezos deste ano iniciouse o proceso de contratación dos primeiros lotes de traballo ao abeiro deste novo convenio. Trátase de 12 lotes por un importe de 6 millóns de euros, IVE incluído, que permiten actuar, no conxunto de Galicia, en preto de 1.900 hectáreas, chegando aproximadamente a máis de 37.000 parcelas, naqueles concellos que se sumen ao acordo.
