PolíticaÚltima hora

A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE visita Castro Caldelas

 

O PSdeG-PSOE de Ourense continúa co seu percorrido pola provincia, visitando as comarcas e reuníndose cos seus cargos orgánicos para traballar na confección das candidaturas de cara as eleccións municipais do 2027. Desta vez, representantes da Executiva Provincial mantiveron unha reunión de traballo en Castro Caldelas, con responsables, voceiros e voceiras das diferentes agrupacións e grupos municipais socialistas da zona de Trives-Caldelas.

A delegación do PSdeG-PSOE de Ourense estivo encabezada polo secretario provincial, Álvaro Vila Araújo; o secretario de organización, Antonio González Fiuza; e a secretaria de política municipal, Susana Rodríguez Estévez e no encontro participaron representantes dos municipios de Manzaneda, Parada de Sil, Castro Caldelas ou San Xoán de Río.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense apuntan a que estas reunións “están sendo moi produtivas, xa que estamos reactivando as agrupacións municipais e traballando arreo na procura das mellores candidaturas para que en maio de 2027 a provincia poida lograr o cambio que tanto necesita”. As e os socialistas apuntan a un traballo “exhaustivo”, concello a concello e comarca a comarca para “desenvolver o proxecto que temos artellado para a provincia, coñecer de primeira man as necesidades de cada territorio e estar en contacto coa veciñanza”.

En relación á zona de Trives-Caldelas, a Executiva Provincial avanza na “confección das candidaturas municipais, nunha comarca clave tanto a nivel local como provincial, pois reparte un único deputado para formar parte da Deputación e o obxectivo claro das e dos socialistas é loitar por superar ao PP en número de votos para obter este representante no ente provincial”.

Así, o PSdeG-PSOE de Ourense fíxase como obxectivo “manter e reforzar as alcaldías de Castro Caldelas, A Pobra de Trives, Manzaneda e Parada de Sil e tratar de sumar algunha máis. Ademais buscarán aumentar a súa representación no concello de San Xoán de Río e lograr contar con concelleiros en municipios como Montederramo, A Teixeira, Vilariño de Conso ou Chandrexa de Queixa”. “Temos un proxecto para desenvolver esta comarca e temos o exemplo dos alcaldes e alcaldesas socialistas que día a día están traballando arreo para mellorar a calidade de vida da veciñanza dos seus municipios”, sinalan os socialistas.

Back to top button