
De forma conxunta, os departamentos de Latín do IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras e do IES Cosme López Rodríguez da Rúa, están a organizar unha saída didáctica a Astorga, o 8 de abril, na que tamén participará o IES Carlos Casares de Viana do Bolo.
E para financiar esta viaxe cultural, pensaron nun interesante sorteo. Os dous institutos valdeorreses poñen en circulación unha serie de rifas numeradas que ofrecen a cambio dun donativo de 2€. “O premio ofertado é un vale por 300€ para gastar nunha empresa asociada a AEVA”, explican dende a organización, avanzando que o sorteo terá lugar o día 8 de abril, día no que terá lugar a visita a Astorga, e farase ante un xurado composto por membros dos dous institutos organizadores. Será publicado na páxina web dos institutos e tamén a través dos medios de difusión habituais de AEVA. “O premio caduca aos 30 días”, puntualizan.
A persoa gañadora “deberá notificar que está en posesión da rifa gañadora ao IES Cosme López Rodríguez, enviando copia da rifa premiada á dirección de correo ies.cosme.lopez@edu.xunta.gal. Para calquera aclaración pode chamar ao teléfono deste mesmo instituto 988 783 830″, explican.
Do mesmo xeito, a persoa posuidora da rifa gañadora deberá entregala no establecemento asociado a AEVA escollido para facer a súa compra. Unha vez efectuada esta, deberá enviar copia do ticket de compra á dirección de correo do IES Cosme López. “Se o produto ou produtos adquiridos teñen un valor inferior aos 300€, en ningún caso se lle devolverá a diferenza entre ese valor e os 300€ do premio. Se o produto ou produtos adquiridos superan o importe dos 300€, a diferenza deberá ser aboada pola persoa gañadora do sorteo”, puntualizan.