Máis alá do 8 de marzo, a conmemoración do Día Internacional da Muller esténdese ao longo de todo o mes con actividades moi variadas.
No caso do Concello de Vilamartín comezaba xa no mes de febreiro e estenderase ata maio. Os luns e mércores realízanse dous cursos de fotografía (estenopeica e dixital) impartida por Verónica Vieira baixo o lema “a ollada incómoda”, para a realización de fotografías e dun proxecto que reflictan o concepto de violencia machista, de forma real e tamén artística que se exporán a partir do 16 de marzo no Concello.
E xa no mediodía deste luns 9 de marzo tiña lugar a lectura do manifesto institucional e reparto de gorros promocionais entre os asistentes. No texto, o Concello de Vilamartín de Valdeorras reafirma “o compromiso cunha sociedade máis xusta, máis libre e máis igualitaria, na que ningunha muller teña que vivir con medo, porque Vilamartín transmite igualdade”.

Reunidos para “lembrar que a igualdade non é só unha palabra nin unha aspiración: é un dereito que aínda debemos defender cada día”, dende o Concello lembran que vivimos nunha sociedade que avanzou moito, pero na que as mulleres seguen sufrindo violencias e desigualdades polo feito de seren mulleres. “Violencias que ás veces se manifestan de forma brutal e evidente, pero que outras veces se agochan en silencios, en medos, en desigualdades normalizadas ou en actitudes cotiás que durante demasiado tempo foron aceptadas”.
Nestes primeiros meses do 2026 xa se produciron doce novas mortes por violencia de xénero no país, incluíndo o asesinato de dous menores a mans dos seus pais, e continúanse a rexistrar novas denuncias cada día. “Detrás de cada cifra hai unha vida, unha historia, unha familia e unha sociedade que ten a responsabilidade de non mirar cara outro lado. Por iso, a loita pola igualdade require tamén mirar de fronte aquilo que incomoda”.
Neste contexto nace a exposición “Ollada incómoda”, cuxas fotografías elaboradas polos participantes nos cursos “ofrecen a súa propia interpretación da violencia de xénero: ás veces visible, ás veces sutil, ás veces escondida nos pequenos xestos do día a día”. Trátase dunha mostra que convida a mirar con atención, a reflexionar e a non permanecer indiferentes ante esta realidade. “Este proxecto convídanos a cuestionar aquilo que damos por feito e a comprender que a violencia tamén pode habitar nos espazos máis cotiáns. A arte ten a capacidade de facer visible o que moitas veces permanece oculto. E neste caso, a fotografía convértese nunha ferramenta de conciencia social, nunha forma de poñer luz onde ás veces só hai sombras”, din dende o Concello.

Así mesmo, durante a mañá do día 16 tamén estará na praza o CIM Móbil, un espazo de información e asesoramento que achega á cidadanía recursos de apoio, orientación e atención para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias.
“Avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria require tamén educar e sensibilizar, incluso desde idades temperás. Por iso, tamén se desenvolverán actividades de promoción da igualdade de xénero no noso Colexio. Entre elas, unha iniciativa dedicada a visibilizar a importancia e as achegas das mulleres no ámbito da ciencia, e outra baseada en xogos de mesa, que permitirán reflexionar e aprender de maneira participativa sobre valores como o respecto, a cooperación e a igualdade de oportunidades e dereitos”, aseguran no manifesto, lembrando que “a igualdade constrúese cada día, nos espazos públicos, nas escolas, nas familias e nas decisións que tomamos como sociedade. Sigamos avanzando cara un futuro máis xusto”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.