
A Ruta do Viño Valdeorras organiza en colaboración co Concello de Vilamartín a actividade “O conto vai de covas”, unha ruta teatralizada polas rúas das covas de Vilamartín de Valdeorras que permitirá aos asistentes descubrir este espazo desde unha perspectiva cultural e histórica.
A proposta, desenvolvida pola Asociación Platea Lúa, combina teatro, patrimonio e tradición vitivinícola nun percorrido no que diferentes personaxes e relatos achegarán ao público ás historias vinculadas ás covas e á cultura do viño na comarca.
A actividade celebrarase o sábado 28 de marzo ás 18:00 horas e finalizará cunha degustación de viños da Denominación de Orixe Valdeorras. O aforo está limitado a 50 persoas e o prezo da entrada é de 5 euros.
As persoas interesadas poden realizar a súa reserva a través do correo electrónico info@rutadelvinovaldeorras.com ou no teléfono 604 07 87 53 (whatsapp).
Esta proposta dá continuidade a iniciativas similares promovidas pola Ruta do Viño Valdeorras, xa que o ano pasado tamén se realizou unha visita teatralizada polas covas, naquela ocasión no concello de Petín.
Para poder desenvolver esta actividade, a Ruta do Viño Valdeorras conta coa colaboración da Deputación de Ourense e da Denominación de Orixe Valdeorras.