PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE de Ourense celebra unha reunión en Valdeorras para avanzar nas listas das municipais do 2027

"Valdeorras é unha comarca clave para o noso proxecto provincial e traballaremos para reforzar a presenza do partido en todos os municipios", din dende o PSdeG-PSOE provincial

 

O PSdeG-PSOE de Ourense continúa coa súa segunda rolda de reunións polas diferentes comarcas da provincia, mantendo encontros cos seus cargos orgánicos e institucionais para analizar a situación política en cada territorio e avanzar na confección das candidaturas de cara ás eleccións municipais do ano 2027. Nesta ocasión era a quenda da comarca de Valdeorras, onde representantes da Executiva Provincial mantiveron un encontro con alcaldes, voceiros e voceiras dos diferentes concellos que conforman a comarca.

Na xuntanza, celebrada na sede socialista do Barco, estiveron presentes o secretario provincial, Álvaro Vila Araújo; o secretario de organización, Antonio González Fiuza; e o responsable comarcal, Aurentino Alonso Araújo. Participaron tamén representantes socialistas dos municipios do Barco, A Rúa, Petín, A Veiga, Rubiá, Viana do Bolo ou O Bolo.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense destacan que o encontro “foi moi produtivo, xa que nos permitiu coñecer de primeira man as inquedanzas e a situación política dos diferentes concellos da comarca”. As e os socialistas continúan traballando na elaboración das “mellores candidaturas posibles” para as eleccións municipais de 2027, co obxectivo de “seguir reforzando o proxecto socialista e ampliar a nosa presenza institucional en toda a provincia”.

Neste senso subliñan que “estamos a desenvolver un traballo constante, concello a concello e comarca a comarca, escoitando ás nosas agrupacións e aos nosos cargos públicos para construír un proxecto sólido e próximo á cidadanía”. A Executiva Provincial destaca que este proceso “permite coñecer mellor as necesidades do territorio e reforzar a coordinación entre as diferentes agrupacións socialistas”.

Os socialistas salientan que “Valdeorras é unha comarca clave para o noso proxecto provincial”, lembrando que actualmente o PSdeG-PSOE goberna en concellos como O Barco de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras, Petín e Viana do Bolo, cogoberna en O Bolo e na Rúa e conta con representación en municipios como Rubiá, Larouco ou A Veiga. Dende a Executiva Provincial sinalan que o obxectivo de cara ás vindeiras eleccións municipais “é consolidar as alcaldías que xa temos, mellorar os resultados nos concellos nos que contamos con representación e lograr novos avances naqueles municipios nos que aínda non temos presenza institucional como Carballeda de Valdeorras”.

“Temos proxecto, temos equipo e temos o traballo diario das nosas alcaldesas, alcaldes e representantes municipais, que levan anos defendendo os intereses da veciñanza de Valdeorras”, destacan as e os socialistas, que aseguran que seguirán percorrendo a provincia “escoitando á militancia e á cidadanía para construír a mellor alternativa de goberno en cada concello”.

Neste senso subliñan que “a provincia de Ourense leva décadas sufrindo o abandono, o desleixo e as políticas clientelares do Partido Popular”, unha situación que consideran que “ten provocado a perda de oportunidades, o deterioro dos servizos públicos e a falta de investimentos en moitos concellos”. Por iso, aseguran que “o PSdeG-PSOE de Ourense é hoxe a única alternativa real para rematar con esta situación e impulsar un proxecto de provincia baseado na igualdade de oportunidades e no desenvolvemento equilibrado do territorio”.

“A día de hoxe estamos demostrando que outra forma de gobernar é posible, baseada na igualdade entre concellos e na transparencia na xestión dos recursos públicos”, destacan dende a Executiva Provincial.

Back to top button