CulturaCulturaÚltima hora

O mundo das máscaras dende a ollada infantil, nunha mostra en Viana do Bolo

 

Supón un achegamento ás máscaras dende a tradición, pero tamén deixando espazo á creatividade e, sobre todo, dende a mirada dos máis pequenos. Dende este luns pode visitarse a exposición “MAScariña, MAScarona!” na Panadería e Cafetería O Chusco de Viana do Bolo (rúa Liberdade, 29).

Reúne 8 obras inéditas, con gran cromatismo e expresividade, realizadas polos nenos e nenas do curso de pintura que imparte a artista vianesa Vanessa Rodríguez neste municipio. Non faltan as tradicionais máscaras de Boteiro o Entrudio vianés e tamén as do de Vilariño de Conso, pero tamén aparecen outras figuras tradicionais, xunto con algunha vinculada ao mundo da ciencia ficción.

 

 

Supón a primeira experiencia expositiva para estes nenos que están moi ilusionados de poder compartir o seu traballo co público. “Gústalles a idea de ter un espazo e de participar activamente nas actividades culturais de forma artística”, explica Vanessa Rodríguez.

A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 12 de abril e enmárcase na celebración do XI Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica, que se desenvolverá na vindeira fin de semana en Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

Fotos cedidas.

 

Back to top button