CulturaCulturaÚltima hora

Castro Caldelas presenta a “Semana Santa 2026” cunha luminosa obra de Siro López

 

Castro Caldelas aposta nesta Semana Santa polo simbolismo e a modernidade nun cartel que celebra a restauración do seu Cristo barroco. O recoñecido ilustrador Siro López foi o encargado de dar vida a unha obra que rompe coa estética barroca tradicional para abrazar unha linguaxe visual máis humano, directo e cargado de esperanza.

A diferenza das representacións centradas na dor da Paixón, o cartel de Siro pon o foco na Resurrección. A figura central, un Cristo que emerxe vitorioso do sepulcro, destaca sobre unha vibrante aura amarela que simboliza a divindade. Esta elección non é casual: a obra rende homenaxe á recente restauración do Cristo barroco do Santuario da localidade, devolvéndolle o seu esplendor baixo unha nova mirada artística.

Cun estilo que evoca a ilustración editorial e o cómic, o autor utiliza liñas claras e cores planas para conectar emocionalmente co espectador. Aos pés da figura divina, varios fieis de costas contemplan o milagre, convidando a quen observa o cartel para unirse a esa mirada de fe.

“O cartel non só é unha peza relixiosa, senón tamén un tributo á identidade galega. Entre as nubes e a bruma do fondo, perfílase a inconfundible silueta do Castillo de Castro Caldelas, integrando o patrimonio histórico do municipio na solemnidade da data”, destacan dende Castro Caldelas.

A composición, conclúen, “péchase cunha tipografía clásica en tons granates e amarelos, logrando un equilibrio entre a sobriedade institucional e a calidez dunha celebración que este ano promete ser máis luminosa que nunca. Unha aposta pola arte contemporánea para anunciar unha das tradicións máis arraigadas da comarca”.

Back to top button