OurenseÚltima hora

Dende mañá as familias poderán solicitar praza nas escolas infantís da Xunta para o vindeiro curso

O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 7 abril e, como novidade, auméntase a baremación para as familias nas que traballan os dous proxenitores e dáse prioridade total ás vítimas de violencia de xénero

 

A Xunta de Galicia manterá aberto desde maña martes e ata o vindeiro 7 de abril o prazo para que as familias galegas soliciten unha das máis de 10.500 prazas que se ofertan nas escolas infantís públicas autonómicas de cara ao o vindeiro curso 2026-2027. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria do procedemento de adxudicación destas prazas nos centros de 0 a 3 anos que dependen da Administración autonómica: os da Axencia Galega de Servizos Sociais (Agass) e os do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Os pais poderán remitir as súas solicitudes a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta ou, se o prefiren, acudindo de xeito presencial a calquera dos rexistros oficiais. O día 6 de maio publicaranse as listas provisionais de admitidos e abrirase un prazo de reclamación de cinco días hábiles (do 7 ao 13 de maio). As listas definitivas dos nenas e nenos admitidos daranse a coñecer o 29 de maio e, acto seguido, abrirase un prazo para formalizar a matrícula de dez días hábiles (do 1 ao 12 de xuño). O curso escolar dará comezo o venres, 4 de setembro.

Este ano, como novidades, a Xunta aumenta a baremación para as familias nas que traballan os dous proxenitores ou o único proxenitor, no caso das monoparentais. Ademais, establécese que as vítimas de violencia de xénero terán acceso prioritario.

O curso 2026-2027 será o quinto na comunidade no que a atención educativa 0-3 anos será gratuíta para todos o alumnado e en todas as escolas, con independencia da súa titularidade. Unha medida que fixo que Galicia revalidara este ano, e por terceira vez consecutiva, o seu liderado na taxa de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil, con case un 65% e 15 puntos por riba da media nacional.

Back to top button