OurenseÚltima hora

Nove concellos ourensáns activan a xeolocalización de vivendas para liderar a rehabilitación no rural

Os alcaldes e alcaldesas de Taboadela, Boborás, San Xoán de Río, Porqueira, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo, Oímbra, Esgos e Coles reuníanse en Boborás para presentar un ecosistema tecnolóxico pioneiro en España, financiado polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico

 

O rural de Ourense inicia neste 16 de marzo unha etapa de vangarda tecnolóxica. Os nove concellos que integran o proxecto RE-HABITA RURAL LAB (Taboadela, Boborás, San Xoán de Río, Porqueira, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo, Oímbra, Esgos e Coles) celebraban nesta xornada un encontro clave no Concello de Boborás para iniciar a posta en marcha dos servizos.

“A gran singularidade deste proxecto é a súa perspectiva de xénero. O obxectivo final da xeolocalización e do mapeo de vivendas é crear unha bolsa de alugueiro social destinada prioritariamente a mulleres. Deste xeito, RE-HABITA RURAL LAB busca facilitar a autonomía e o arraigo feminino no rural, entendendo que as mulleres son o alicerce fundamental para fixar poboación e dinamizar a economía local”, segundo os promotores da iniciativa.

A xeolocalización estratéxica de activos, o outro gran valor diferencial. A empresa EIBISA (representada por un equipo paritario de catro especialistas) explicou como este mapeo técnico permitirá identificar vivendas susceptibles de alugueiro ou compra, cruzando estes datos cunha plataforma inmobiliaria rural e un servizo de asesoramento xurídico e técnico presencial que arrincará en abril.

O acto contou coa validación do plan de acción e de comunicación por parte dos nove rexedores e rexedoras. Álvaro Vila, alcalde de Taboadela (concello líder do proxecto na súa interlocución co Ministerio), destacou a importancia desta unión: “Este é un exemplo inmellorable de coordinación intermunicipal. Logramos que nove concellos falen un mesmo idioma tecnolóxico para dar solucións reais ao reto demográfico”.

 

Pola súa banda, Patricia Torres, alcaldesa de Boborás —concello que asume a execución operativa dos servizos a través do seu equipo técnico—, subliñou o impacto na veciñanza: “Hoxe damos un salto cualitativo. Non só estamos dixitalizando mapas, estamos poñendo a tecnoloxía ao servizo das persoas para que calquera propietario ou moza que queira vivir aquí saiba onde localizar a información”

Próximos pasos

A coordinadora do proxecto, Eva D. Castro, confirmou que a partir da vindeira semana unha campaña de comunicación “inundará” as redes e as prazas dos municipios para achegar estes servizos á poboación. O obxectivo final, financiado polo MITECO, é converter estes nove concellos nun ecosistema de innovación que sirva de modelo para toda a España rural.

Back to top button