ConcellosTrivesÚltima hora

A Deputación de Ourense aproba unha achega para obras na estrada de acceso a Piñeiro e San Fiz (Trives)

 

Na súa sesión ordinaria, celebrada na mañá deste martes 17 de marzo, a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobaba “22 asuntos cunha mobilización económica que supera os 1,6 millóns de euros, centrados fundamentalmente na cooperación cos concellos da provincia e no reforzo do apoio ao tecido social e deportivo”. Unha sesión que “reflicte con claridade as dúas prioridades da institución provincial: estar ao lado dos concellos e reforzar o apoio ás entidades sociais que traballan cada día pola mellora da vida das persoas”, destacou o presidente da Deputación, Luis Menor.

O primeiro gran bloque de acordos corresponde á cooperación cos concellos, cun total de 933.430,68 euros destinados a 20 actuacións municipais en localidades como Carballeda de Avia, Allariz, Leiro, Calvos de Randín, Castrelo de Miño, Cenlle, Melón, Oímbra, Petín, A Pobra de Trives, Pontedeva, Ramirás, A Rúa, Sandiás, Taboadela, Xunqueira de Espadanedo ou A Peroxa. “Estas actuacións permitirán acometer melloras en infraestruturas viarias, abastecemento e saneamento, acondicionamento de espazos públicos e rehabilitación de equipamentos culturais e sociais, proxectos que teñen un impacto directo na vida diaria da veciñanza”.

Tamén se inclúe unha actuación na Pobra de Trives, cun investimento de case 100.000 euros, para a reposición do pavimento na estrada de acceso a Piñeiro e San Fiz. “Esta intervención permitirá renovar máis de 1,5 quilómetros de vía, cunha superficie de actuación superior aos 7.000 metros cadrados, mellorando a seguridade viaria e a comodidade da circulación nun vial moi utilizado polos veciños da zona.

 

 

Entre os proxectos aprobados destaca a achega de 250.000 euros para a construción do fogar residencial da Peroxa, unha infraestrutura social destinada a reforzar a atención ás persoas maiores no ámbito rural.

O segundo gran bloque da sesión céntrase no apoio ao tecido social e deportivo da provincia, cun investimento total de 680.000 euros. Neste ámbito aprobáronse as bases da convocatoria de subvencións para entidades sociais, cunha dotación de 600.000 euros, o que supón un incremento do 70 % respecto ao pasado ano, cando a contía destinada a esta liña foi de 350.000 euros. “Estas axudas permitirán financiar proxectos impulsados por asociacións e fundacións sen ánimo de lucro dirixidos a mellorar a saúde, a calidade de vida e a atención social de colectivos vulnerables da provincia. No exercicio anterior beneficiáronse desta convocatoria 56 entidades sociais.”

A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases da convocatoria de subvencións para a organización de eventos deportivos, cun orzamento de 80.000 euros, mantendo a mesma contía que en 2025. Estas axudas están destinadas a apoiar campionatos, carreiras, andainas, torneos ou outras probas deportivas organizadas por entidades da provincia, co obxectivo de fomentar unha práctica deportiva aberta e accesible para toda a cidadanía. As achegas poderán cubrir ata o 30 % do custo do evento, cun máximo de 11.000 euros por beneficiario.

Back to top button