
O 30 de abril terán lugar no Barco as probas presenciais para a obtención do Certificado Galego de Competencias Dixitais (COMDIX), nivel intermedio. A proba celebrarase ás 12 da mañá, na Aula Cemit situada no segundo andar do Edificio Multiusos do Concello. Para esta convocatoria contase con 13 prazas.
A convocatoria publicouse no Diario Oficial de Galicia o 16 de xaneiro, e os interesados poden inscribirse ata o día 25 de marzo na web do CEMIT:https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/53935
Dado que as prazas son limitadas, no caso de que haxa máis 13 interesados, realizarase un sorteo entre todos eles, publicándose na web entre un e dous días despois a listaxe provisional, e comunicando por correo electrónico os resultados aos participantes: admitidos provisionalmente, listaxe de reserva, etc.
A inscrición está aberta á cidadanía en xeral, sen ningún outro requisito previo que o de ter máis de 16 anos. A proba consiste nun exame de entre 60 e 70 preguntas, das que hai que superar al menos o 70 por cento para lograr o certificado. Para aquelas persoas que precisen maiores coñecementos dos que teñen, a Xunta ofrece formación gratuíta en competencias dixitais a través da plataforma da Rede CEMIT, para facilitar a obtención do certificado. Todos os detalles poden consultarse no seguinte enlace:
https://cemit.xunta.gal/gl/convocatorias-probas-de-certificacion-nivel-intermedio-abril-2026
O COMDIX é o Certificado Galego de Competencias Dixitais promovido pola Xunta de Galicia, que certifica o nivel dunha persoa no uso de tecnoloxías dixitais. Este certificado é útil para acreditar as habilidades dixitais ante empresas e institucións, e obtense a través da superación dunha proba que avalía os coñecementos definidos no Marco Galego de Competencias Dixitais.
Entre outras cousas, o certificado permite demostrar a empregadores ou institucións e outras entidades a capacidade das persoas para manexar as tecnoloxías dixitais de maneira efectiva, facilitando así o acceso a oportunidades laborais, aos que non podería optar unha persoa que non poda demostrar que conta con coñecementos de tecnoloxías dixitais.