
O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza” iniciábase en 2022 impulsado pola Consellería de Economía e Industria -a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole-sociedade participada pola Xunta de Galicia e con sede na provincia de Ourense-, entidade encargada da súa xestión e coordinación. Na cuarta edición do programa, que acaba de concluír, participaron 30 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade.
Durante os dez meses de duración do programa, traballouse na saída ao exterior das empresas e tamén na consolidación internacional das que xa tiñan experiencia neste eido, abríndolles novos mercados ou accedendo a novos segmentos de clientes. Axudóuselles a mellorar a súa estratexia comercial internacional, avanzouse na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, así como na detección de posibles colaboracións con outras empresas.
Entre as 30 pemes atópase a firma viguesa Acemelia, especializada na fabricación artesanal de aceite de camelia bio e doutros produtos cosméticos elaborados con este aceite. Durante unha viaxe a Xapón, o seu fundador descubriu o seu gran potencial como ingrediente para formular champús, cremas, xabóns… e aproveitou que Galicia é un dous mellores lugares do mundo para o cultivo destas plantas. Na actualidade é a única firma que fabrica e comercializa este produto en toda Europa.

Este aceite caracterízase por conter elevadas cantidades de substancias antioxidantes naturais e vitamina E. Permite unha longa hidratación e posúe unha elevada capacidade para rexenerar a pel, polo que pode usarse como cicatrizante, para curar feridas e queimaduras e mesmo para eliminar manchas.
Creación dunha gran plantación de variedades de camelia seleccionadas
Cunha traxectoria de máis de dez anos, a empresa céntrase así mesmo no estudo e mellora de variedades de camelia para a produción de sementes, ata o punto de que está inmersa na creación dunha gran plantación de variedades seleccionadas. Nas súas instalacións de Vigo extraen o aceite mediante prensado mecánico en frío para manter todas as propiedades naturais desta planta. Logo acondiciónase cun sistema de filtrado especialmente desenvolto pola firma durante máis de cinco anos para conseguir un aceite moi puro, afín á pel, sen usar químicos nin auga que contaminen o produto final. Ademais, a firma aposta pola eliminación de plásticos.
A empresa vende a toda Europa a través de plataformas online, con presenza ademais en puntos físicos en máis de 250 tendas de cosmética natural, herboristerías e farmacias, principalmente en España, aínda que tamén en Alemaña, Austria e Suíza. No marco do programa “Galicia Avanza” realizouse un estudo dos mercados de interese -en particular Italia, Reino Unido e Alemaña- e contactouse con posibles distribuidores e clientes, adaptouse a imaxe e o material promocional aos países de destino, ao tempo que se levou a cabo a protección da marca.

Tecnópole
O Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole é unha sociedade participada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía e Industria. Situado no Concello ourensán de San Cibrao das Viñas, leva máis de tres décadas impulsando o talento e a innovación a través do seu centenar de empresas tecnolóxicas e os seus centros de I+D. Está comprometido co desenvolvemento sustentable, a igualdade de xénero e a divulgación científica.