
A Denominación de Orixe Valdeorras fai un “balence moi positivo” da súa participación na feira internacional ProWein, en Düsseldorf (Alemaña). O presidente do seu consello regulador, Marcos Prada Ginzo, destaca “a gran afluencia de visitas” que recibiron na caseta da D.O., de ao redor de 17 países diferentes, “sendo os de máis afluencia Alemaña, Holanda e Bélxica, e os máis curiosos Turquía e Chipre”.
A edición número 36 desta mostra abría as súas portas o 15 de marzo. A Denominación de Orixe Valdeorras estivo presente cun total de 30 viños amparados de 15 adegas diferentes. Deles, 24 referencias de viño branco, todas elas da variedade godello, e outras 6 referencias de viño tinto.
“Foron máis de 70 visitas, nas que observamos que hai coñecemento de marca porque en varios casos, os visitantes viñan probar 3 ou 4 viños específicos que xa coñecían e quería probar, tíñano claro”, engade o director técnico do CRDO Valdeorras, Jorge Mazaira.
Para a D.O. Valdeorras, a razón principal de intensificar a súa presenza en feiras internacionais como ProWein, non é outra que a de “promocionar a marca Valdeorras”, coa intención de “ampliar mercados e fidelizar aos que xa temos”, di Prada Ginzo.

Tras a experiencia deste ano, “as expectativas están claras: volveremos o ano que vén a esta feira porque segue sendo de referencia, un punto de encontro a nivel mundial dos importadores máis importantes”, continúa Jorge Mazaira.
Nesta edición, Prowein 2026 contou con 4.000 expositores de máis de 65 países, representando a máis de 500 rexións vitivinícolas.
A D.O. Valdeorras acudiu baixo o amparo da Axencia Galega dá Calidade Alimentaria (AGACAL), integrándose co resto de denominacións vitivinícolas de Galicia.
