ConcellosCulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeosVilamartín

Unha interesante viaxe pola memoria pétrea de Córgomo (Vilamartín), partindo das pegadas prehistóricas e romanas

A ruta "Onde a Terra se fixo Ouro" abre o ciclo "Rutas que rexeneran" dentro do Xeodestino Trevinca-Valdeorras e promovido polo Inorde

 

A praza de Córgomo convertíase na mañá deste 19 de abril en punto de partida e de remate dunha singular ruta, baixo o título “Onde a Terra se fixo Ouro”, que permitía coñecer a memoria prehistórica e romana desta localidade vilamartinesa, que xurdía á beira unha mina aurífera. Unhas 42 persoas sumábase a esta proposta, coa que se abre o ciclo “Rutas que rexeneran”, que nace baixo o selo do Xeodestino Trevinca-Valdeorras como unha iniciativa desenvolta pola Deputación, a través do Instituto Galego de Desenvolvemento Ourensán, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia.

Este traxecto, duns 4 km, comezaba na mesma praza e, logo dunha parada no Pazo no que naceu o poeta Florencio Delgado Gurriarán (que tamén posuía unha cova e construído coa característica pedra vermella da zona) e na igrexa (na que explicaban detalles como os seus retablos), proseguía pola explotación de ouro romana das Barreiras, no lateral sur de Córgomo. Precisamente crese que o nome desta localidade vén de corgo, en referencia a unha antiga represa de auga ligada co seu pasado mineiro romano, xa que a auga era clave para levar a cabo este tipo de explotación de mineral a gran escala.

 

 

Aí Ferrer explicaba como se extraía o ouro na época Imperial, os diferentes tipos de xacementos deste metal que había (primarios e secundarios), centrándose despois na mina de Córgomo, na que empregou a ruina montium e que precisou unha gran cantidade de auga para funcionar.

 

 

Ademais de comentar os diferentes restos da mina que se conservan como a fronte de explotación (xunto ao cemiterio), o seu espectacular baleirado, cuxa dimensión amosan evidencias como un “cerro testigo” e as murias, tamén se visitaba a chamada “Cova dos Mouros”, unha galería subterránea duns 55 m, na que se aprecian as marcas dos picos empregados para construíla e tamén os lucernarios.

 

 

 

 

A continuación, o traxecto en dúas zonas de petróglifos (un na Pena do Xan e outro no lugar de Penasdauga), con detalles xeométricos, segundo indicaba Ferrer e que poden situarse na Idade do Bronce. Despois de repasar outros detalles da exploración mineira ao final do percorrido, esta ruta circular concluía na praza.

Entre os participantes nesta visita guiada había persoas de Valdeorras, pero tamén de fóra dela, e mesmo doutras comunidades autónomas. Tamén acompañaba aos visitantes a tenente de alcalde de Vilamartín, Sherezade Núñez.

 

 

As seguintes citas das “Rutas que rexeneran”

As diferentes actividades deseñadas desenvolveránse nos próximos tres meses, entre marzo e maio, na contorna dos nove concellos que integran o Xeodestino Trevinca-Valdeorras: Vilamartín de Valdeorras, O Bolo, Rubía, Petín, O Barco de Valdeorras, Larouco, A Veiga, A Rúa e Carballeda de Valdeorras.

Ademais para o sábado 21 haberá unha ruta nos concellos de Petín e A Rúa, titulada “A voltas co Foro romano”.

Datos da visita:

  • 16:30 h | Saída Punto de encontro na Praza Doutor Quiroga de Petín (esquina rúa Carreira).
  • Paseo polo Encoro Percorrido polo casco histórico de Petín ata a emblemática Ponte da Cigarrosa.
  • Visita á Rúa Vella Exploración da contorna de Santo Estevo, analizando os fitos históricos que marcaron a sociedade e a economía local.

As rutas propostas nos vindeiros meses permitirán descubrir diferentes paisaxes, recursos naturais e elementos patrimoniais do territorio a través de experiencias guiadas pensadas para todos os públicos. Entre elas atópanse a ruta polo Parque Natural Serra da Enciña da Lastra, entre Biobra e Porto, no concello de Rubiá, que inclúe unha cata de meles en O Marquesado (11 de abril); a ruta “Sendeiros Naturais” na Veiga (26 de abril); a ruta de Tuxe a As Ermidas no concello do Bolo (25 de abril); a visita interpretativa ao Castrillón en Larouco con cata e picnic (19 de abril); a ruta do río Galir con cata en Adegas Roandi no Barco de Valdeorras (30 de maio); e unha proposta para coñecer a riqueza natural e paisaxística de Carballeda de Valdeorras (23 de maio). As rutas teñen un coste fixo de 5€, sendo gratuitas para ás persoas aloxadas aloxadas nun aloxamento do Xeodestino Trevinca-Valdeorras.

Xorde como unha iniciativa promocional que convida a redescubrir Ourense a través de experiencias que combinan natureza, gastronomía, cultura e sostibilidade. Non son simples percorridos pola paisaxe, senón camiños con alma: itinerarios que contan historias, transmiten valores e deixan pegada nas persoas, convertendo cada ruta nunha experiencia única e transformadora.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Vídeos: O SIL.

 

Back to top button