Primeiro foi pola mina de ouro romana de Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras e hoxe tocáballe o turno aos concellos de Petín e A Rúa.
Na tarde deste sábado 21 de marzo, tiña lugar a segunda das rutas inaugurais do proxecto “Rutas que rexeneran” unha iniciativa que nace baixo o selo do Xeodestino Trevinca-Valdeorras, desenvolta pola Deputación, a través do Instituto Galego de Desenvolvemento Ourensán, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, cun carácte promocional que convida a redescubrir Ourense a través de experiencias que combinan natureza, gastronomía, cultura e sostibilidade. “Non son simples percorridos pola paisaxe, senón camiños con alma: itinerarios que contan historias, transmiten valores e deixan pegada nas persoas, convertendo cada ruta nunha experiencia única e transformadora”.
Baixo o título “A voltas co foro romano e outras historias”, o de hoxe foi un percorrido interpretativo polos concellos veciños de Petín e A Rúa que permitiu aos asistentes achegarse ao pasado romano da comarca e coñecer episodios históricos, curiosidades e elementos patrimoniais e económicos que forman parte da identidade do territorio. En Petín saían da praza para completar un fermoso percorrido pola zona vella, con paradas no Museo da Cervexa e no forno, polo paseo fronte ao Encoro de San Martiño e pola mítica ponte de orixe romana da Cigarrosa, que comunica co concello veciño. Alí visitaban a zona da Rúa Vella, con pinceladas históricas da praza César Conti, o antigo Concello e a parroquia de Santo Estevo.
O calendario completo e os detalles de cada un dos itinerarios (horario de inicio, punto de encontro, dificultade da andaina) poden consultarse en rutasquexeneran.gal e conocegalicia.es.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.


