Rozando o mediodía deste 22 de marzo os toques dos bombos e gadañas da Asociación Xuntos polo Fulión e Vilariño de Conso chegaban á praza desta vila, precedidos polas carreiras e os saltos dos seus Boteiros. Con eles abríase o segundo e derradeiro desfile do XI Festival Internacional Mascarada Ibérica, que se desenvolvía nesta fin de semana en Viana e Vilariño.
Numerosas persoas dábanse cita en Vilariño de Conso para seguir esta vibrante serpe de rituais dende a súa saída no Toural e ata o seu remate, moi preto da igrexa parroquial. Especialmente concorrida estaba a praza de Vilariño.
Despois do fulión deste municipio, aparecía a inquietante mascarada dos Diablos Luzón (Guadalaxara) que, acompañados polas Mascaritas, tiznaban de negro a todo aquel con quen se cruzaban. A continuación, os Zarramaches de Casavieja (Ávila), as Catantoñas de Aceúche e tamén os Joaldunak de Ortuello (Biscaia), os Zamarrones de Los Carabeos (Cantabria), o Jarramplas de Piornal (Cáceres) ou o Antruejo de Velilla de la Reina (León).
Despois viñan outras case corenta mascaradas de inverno, entre eles Entroidos da provincia de Ourense, pero tamén doutros puntos de Galicia, ademais de celebracións tradicionais de Estremadura, Castela e León, os Sidros e Comedies de Asturias ou mascaradas distintas do nordeste de Portugal como os Caretos de Parada ou os de Lazarim.

Deste xeito poñíase o broche en Vilariño a unha intensa e multitudinaria ViBoMask que nesta 11ª edición congreba a uns mil participantes de medio cento de festas de inverno da Península Ibérica.
Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.
Vídeos: O SIL.


