
A organización da XLIV Feira do Viño de Quiroga presenta o seu completo programa, que se desenvolverá os días 3, 4 e 5 de abril. Abrirase o vindeiro sábado, 28 de marzo, co tradicional desfile da Confraría do Viño de Quiroga, que irá acompañado da música do grupo de gaitas O Recanto. Tamén se inclúe no programa o torneo de de Fútbol Sala Feira do Viño que se disputará no pavillón municipal dende o 30 de marzo ata o 2 de abril; e a apertura da exposición de debuxo abstracto “Líneas Exquisitas”, de Luz Moscoso.
A XLIV Feira do Viño de Quiroga abrirá o venres día 3 de abril coa cata dos viños participantes nesta edición. Dúas catas, ás 12:30 e as 19:30, que se realizarán na praza da rúa Lago.
Ás nove da noite poderá visitarse xa o recinto feiral coa venta e exposición dos viños. Á medianoite chegará a música coa actuación do grupo “Rosies in Hell” a única banda tributo feminina a AC/DC de España, formada por cinco mulleres; e pechará a disco móbil “Eme, Music”.
O sábado dous actos marcarán a xornada. Pola mañá o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas “Memorial Muíño”, que chega á sua XVII edición cunha homenaxe a Xan de Vilar e pola tarde, ás 20:30h., o pregón, que nesta edición correrá a cargo dos actores Edu Soto e Iván Massagué.
Os pregoeiros serán os encargados de escoller aos gañadores do tradicional concurso de camisetas; e tamén de facer entrega do premio á gañadora do concurso do cartel anunciador da feira, e do premio ao establecemento gañador do concurso “Val de Quiroga de Tapas” .
Na xornada do sábado non faltará a música. Durante a tarde o recinto feiral estará amenizado pola charanga CLK e a partir das 23:30 actuación do grupo “La banda de ayer”.
O domingo pola mañá continuará a feira e tamén á animación musical. Nesta ocasión o recinto feiral acollerá a música dos grupos de música tradicional “O Recanto” e “Pándega”.
Pero o que non faltará nesta XLII Feira do Viño de Quiroga será o viño, tanto branco como tinto. E disto encargaranse as adegas participantes pertencentes á subzona Quiroga – Bibei, dentro da D.O. Ribeira Sacra e unha adega invitada que nesta ocasión chegará dende a D.O. Ribera del Duero.
