CarballedaConcellosÚltima hora

Mocedades actuará nas Festas de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), o sábado 11 de abril

Foto: Mocedades.

 

Máis cedo que noutras ocasións, pero como sempre abrindo a tempada estival de festas, a localidade de Sobradelo, prepárase para vivir tres días de intensa troula na honra de Nosa Señora da Encarnación os días 11, 12 e 13 de abril. Promovido coma sempre dende o Concello de Carballeda de Valdeorras o programa deste ano destaca por unha aposta variada, mesturando a nostalxia dos grandes clásicos e a enerxía das orquestras coas actividades para os máis pequenos.

A xornada do sábado día 11 arrincará xa pola mañá coas alboradas do grupo Raiola de Son; e pola tarde será a quenda do prato estrela, o recoñecido grupo Mocedades que presentará en Sobradelo a súa xira Eres Tú, Eurovisión 73. O broche porase cunha gran verbena a cargo do grupo América SL.

 

 

O domingo día 12 comezá coa sesión vermú amenizada pola charanga Achicoria tras o pasarrúas matinal; e en horario de tarde, a Orquestra Marbella será a gran protagonista amenizando tanto no baile vespertino como a verbena. Entre medias, como xa é habitual, haberá unha sesión de fogos artificiais ás 22:30h.

Luns día 13 será o día grande e estará dedicado aos actos máis solemnes coa procesión e misa solemne ás 12:30 horas, precedidas pola música da charanga TDB. Como broche final, a Orquestra Costa Dorada ofrecerá un pase de tarde continuo, poñendo o punto final ás celebracións.

 

 

O Concello de Carballeda de Valdeorras non se esquece dos máis pequenos, nenos e mozos que contarán cun espazo de lecer continuo no pavillón de deportes, un Circuíto Wipe Out e Coches de choque de 16 a 20h. Ademais, o Tren Turístico percorrerá as rúas da localidade os días 11 e 12 de 16 a 19 horas para o desfrute de todas as idades. “Temos un bo cartel”, di a alcaldesa María Carmen González, asegurando que a actuación de Mocedades dálle un plus de calidade ao programa e desexando a veciños e visitantes unhas boas festas e que “a Virxe da Encarnación nos conceda un tempo benigno e nos permita desfrutar un ano máis da súa bendición”.

Máis información na vindeira edición do Periódico O SIL.

Back to top button